Blogia
Antón da Sobreira

Ucronía

 

I

Hai moitos anos, Magnus von Lagerström  (1691-1759 ) percorría o mundo como representante da “Compañía Sueca das Indias Orientais”, unha empresa que comerciaba cos territorios orientais do planeta –cada vez máis coñecidos e valiosos-: China, India, Xapón...

  Gran afeccionado a botánica, un día  calquera do 1748 apareceu en Upssala cun exemplar arbóreo descoñecido  que atopara na China, pero que viu abondoso na India: era un arbusto con porte de árbore, coa casca lisa e fácil de arrincar, cunha tonalidade amarela -esbrancuxada, semellante ó cobre ; tiña follas, que logo caeron, cun verde brillante, vistoso… e as flores, en acios redondeados, cheas de estames que se transformaban en pétalos  formando dobres  xogos florais cunha cor rosada lucida  e atractiva… 

A elección de Upssala non foi casual: alí  estaba -na Universidade- Carl Linneo (1707-1778) o (grande) primeiro botánico da historia: o home que foi quén de sintetizar e crear a máis completa taxonomía clasificatoria do mundo vexetal - Systema Naturae, publicada no 1735 -... e que naquel 1748 era xa unha figura valorada,  respectada e admirada en todo o mundo ( século XVIII, século das luces!)

Atendendo ó seu parecido, na cor rosa das flores, coa Lila (syringo vulgaris) Magnus von Lagerström chamouno Lila das Indias…

E o catedrático Linneo, valorando o traballo e a valía de don Magnus, púxolle o nome do descubridor : Lagerstroemia indica….. denominación científica  que segue hoxendía, of course !!!

Nos libros e folletos botánicos, amén de Lila das Indias, o nome habitual é Árbore de Xúpiter

 (pero esa é outra historia!)

 

II

 

Exactamente cen anos antes desa escea en Upssala, o rei de España - Felipe IV -,  concedíalle a don Juan de Lemos -polos servizos prestados a Coroa española - o Condado de Amarante, Ferreira e Sober.

  Así que, despois de moitas desas mesturas nobiliarias, tan abondosas na península ibérica, chegamos ó ano 1780… en Compostela.

O Noveno conde de Amarante, Ferreira e Sober (Lugo),  era o Undécimo marqués de Camarasa (Lleida)  e chamábase  Domingo Gayoso de los Cobos, etc …(1735 -1803).

Don Domingo tiña cartos, propiedades e bo gusto...

Camiño dos cincuenta, namorado de Santiago, quixo facer aquí o seu Pazo máis senlleiro.
Aproveitando unha herdanza de casas vellas, que tiña na Algalia de Abaixo, contratou ó mellor arquitecto compostelá que, naquel intre , estaba disposto a expoñer , nunha obra civil, a moda imperante -xa sabedes-: o neoclasicismo; liñas rectas, trazas xeométricas (triángulos, pirámides, esferas, placas, prismas...)

López Freire, mestre de obras –tamén- do Concello de Santiago, fixo un pazo espectacular  e mesmo foi quén de deseñar un fastoso escudo  na fachada que, aínda hoxe,  causa admiración, representando ós Amarante e Camarasa, cos seus vencellos centenarios... Sarmiento, Meira, Mendoza, Arias, Gayoso, Cobos , Ozores , Bolaño...

Só por ver esta impoñente  mostra heráldica, paga a pena acercarse a Algalia.

 

III

 

Máis de douscentos anos despois  do remate desta obra extraordinaria , foron as novas relativas a apertura do xardín, ás que me levaron  - unha mañá  calquera, dun sábado outonal – ó Pazo de Amarante.

Os aparcadoiros de coches –  o edificio  pertence, hoxe,  a Xunta – ocupan case a metade do espazo.

E, nembargantes, hai unha beleza intrínseca  nese ferrado e medio  de xardín que me  recibe e acolle coma único visitante.

Choveu, escampou, non hai ninguén... e eu gozo neste espazo botánico ilustrado…

É doado contar os poucos exemplares que –estou seguro– superan os dous séculos de idade.

 

Nove  camelias  -camelia japónica-

Un  rododendro –rhododendon spp.-

Unha  figueira  ficus cárica- 

Un  magnolio -magnolia denudata-

Dous  loureiros –laurus nobilis–

.......

 

E, grandioso, presidindo o xardín o pé da fonte sen auga, o máis fermoso exemplar de árbore de Xúpiter, Lila das Indias, –Lagerstroemia indica-,  que vin na miña vida!

A idade deulle un porte excepcional, de árbore esvelto, altísimo, cun toro singular e unha copa redondeada, na que –aínda! - lucían  os acios das flores rosadas, tan elegantes...

De verdade, foi un impacto visual  fortísimo, que me permitiu viaxar no tempo: imaxinando como o Xardín de Amarante era o complemento ideal do Pazo; matinando nesa curiosidade e predisposición daquela xente, para acoller as novidades botánicas... (pensar que esta especie chegou a Europa no 1748, e que teño diante de min ao primeiro exemplar chegado a Galicia, corenta  anos despois... tan  vizoso e fermoso... produce esa vertixe cósmica, que moi poucas veces nos sacude, diante da inmensidade do que meditamos).

 

IV

 

Así que, na reiteración do convite botánico que sempre vos fago desde esta bitácora, remato cun par de peticións máis prosaicas  ó  Concello de Santiago , encargado deste parque :

a)       Que poña  e difunda  os horarios de apertura e peche do xardín : non hai letreiro nin cartel que informe de nada.

b)       Que  amañe a fonte, para que funcione. Desentoa moito ver unha xoia pétrea baleira, sen uso.   A auga  é un aporte estético fundamental. Non falta en ningún xardín.

 

.......

 

A piques de cambiar a hora, apertas botánicas!

0 comentarios