Blogia
Antón da Sobreira

O MEU RÍO

Prezados amigos do Pichel:

Permitídeme que hoxe non  vos fale das miñas árbores favoritas -tal como viña facendo ata agora, convidado pola xenerosidade da xente de Raigame-, senón que vos conte algo do meu Río, para dar a coñecer así, publicamente, unha ameaza que pode ser terrible para o futuro dese meu (noso) Río e o seu entorno único e excepcional...

Cavafis dicía que a patria é a infancia: así que a miña infancia, xa tan lonxana!, é o río que bañaba a aldea onde nacín.

A miña patria é o río Eume.

Meu bisavó contábame moitas veces a historia do Eume, que eu escoitaba pasmado, namentras tratábamos de  pesca-los reos, naquelas mañanciñas de maio que nunca esquecerei,,,

 Na Serra do Xistral naceron cinco irmáns: chamábanse Eume, Sor, Masma, Landro e Ouro.

Súa nai explicoulles cal era o mellor camiño para chegar ata seu pai, o Mar.

Eume, o máis grande, era un preguizeiro e quedouse durmido pola Terra Chá.

Cando acordou, perdera de vista ós seus catro irmans. Entón falou co tío Sol, preguntándolle cal era o camiño para ir ó  Mar.

O vello Sol díxolle que ía a durmir, e que se quería, que o seguise, pois sempre se deitaba no Mar...Así que Eume botou a correr polo camiño mais curto: deixou as chairas,  meteuse por canóns, angosturas, desfiladeiros; percorreu vales, outeiros, fragas e sementou xunqueiras...ata que, cara o Oeste, atopou ó Mar: Era o Atlántico.

-Gracias, tío Sol !-

-Non me abonda- dixo o vello Sol-.

-Por esta axuda, hasme de pagar unha renda toda a túa vida-.

-E cal?-

-Unha vez ó ano, antes dun solsticio, dasme o máis valioso  que teñas-

 

E así foi como, cada primaveira, evitando sempre o 21 de xuño, o Eume cobraba a vida dun pescador.

 Era o tributo que debía render pola súa preguiza, que lle fixo  perde-lo roteiro máis curto cara ó Cantábrico....

Xa sabedes, logo, benqueridos veciños, cal foi a pegada deixada polo Eume, neses brincos presurosos, camiño da fermosa ría de Pontedeume...

As fragas...

Cando decimos as fragas, referímonos  a ese tipo de  bosques atlánticos caducifolios, cada vez mais escasos: carballeiras, ameneirais, bidueirais, soutos,freixedos... acompañados por familias arbustivas e de monte baixo como  acivros, espiños, loureiros, érbedos, toxos, uces, xestas...

A Fraga: esa espesura, esa mistura umbría, sempre fresca, húmida, chea de vida, distinta, variada, máxica...

 Segundo a Xunta, que as declarou Parque Natural Protexido en 1997, as Fragas do Eume son 9.125 ha. (multiplicade por 10.000 e teredes máis de 91 millons de m2).

 Precisamente unha das razons fundamentais desa imprescindible protección oficial, foi a presenza  de centos de especies- entre botánicas e faunísticas- de incalculable valor, por ser endémicas desta paisaxe: Dende os mais cativos e miudos liques e fungos, ata fentos que son reliquias do Terciario: “Culcita macrocarpa”, “Vandenboschia speciosa”...ou herbas únicas dese microclima: “Deschampsia gallaecia”, “anemona albida”, “luzula silvatica”...

 E a fauna, tan diversa: Dende o gavián ata o pombo torcaz, pasando por mouchos, curuxas, bufo real,ferreiriños; e píntegas, rás, sapos, lagartixas, cobras; e toupos, ourizo cacho, esquíos, musgaños; e xenetas, londras, denosiñas, porco teixo...

 É unha fartura maravillosa que vos recomendo- vivamente- coñecer, pois ás graves ameazas que ata hoxe penduraban sobre a Fraga (xa imaxinades:  plantacions de especies foráneas, incendios, choiva ácida, apertura de pistas para talas de madeira....) agora, paréceme,  xorde a mais perigosa, pois é algo novidoso e que polo mesmo non ten unha valoración de experiencia previa.

A central térmica de Endesa, nas Pontes, esgotou o seu xacemento de lignito.

É un furado, a ceo aberto, impresionante:

-15 km. de perímetro (15.000 metros).
-811 Ha. de oco (máis de 8 millons de m2) 
-unha profundidade de 200 metros.

 Como se vai cubrir?. 

 Con auga.  A partires do ano 2007.       

Queren facer unha lagoa artificial, coa auga do Eume.

Os xornais, sempre tan reverenciosos co poder, falan marabillas, perdéndose no rebumbio das cifras chamativas, xa descritas, que tanto impresionan:

“ A mina das Pontes converterase nun lago maior que a cidade da Coruña!”
 “Unha canle de 6 km. conducirá a auga dende o Eume ata o cráter, a un ritmo de 120 hectómetros cúbicos anuais”

(multiplicade por 1.000.000 e teredes 120 millons de metros cúbicos...e se non vos mareades, voltade a facelo por 1.000, e teredes 120 mil millons de litros de auga roubados o Eume cada ano..!!)

Hai uns meses que a empresa presentou o proxecto, convidando  a expertos mundiais na recuperación de minas de carbón, pois nunca, ninguén fixo algo semellante, e, realmente, non se coñecen as consecuencias...

A Xunta, ou non sabe, ou da por bó este plan privado dunha Empresa,tristemente famosa en España por ocupa-lo primeiro (1º) lugar do escalafón nas emisións de:

dióxido de carbono (CO2),
óxido de azufre (SO2),
óxido de nitrógeno (NO2)

segundo os datos oficiais da Unión Europea.
(Rexistro Europeo de Emisions Contaminantes “EPER”)

Xentes da bisbarra, xeólogos, ecoloxistas...todos me dín do grave perigo dun experimento que pode acabar cun dos espazos senlleiros do noso continente.

As Fragas do Eume constituironse nese biosistema singular, debido a unha serie de interaccions ocurridas ao longo de miles de anos, guiadas, fundamentalmente, polos 80 km. de percorrido  do meu querido  Eume na procura do seu pai... Alterar  tan brutalmente ese caudal, mutilará drasticamente un paraíso natural, patrimonio de todos...    

Xa que deixou de paga-lo tributo anual do pescador, será que o preguiceiro Eume debe morrer, por ir cara ó ocaso, buscando ó Atlántico...?

Compostela, Abril  2005

 

0 comentarios