Blogia
Antón da Sobreira

AS MIÑAS ÁRBORES: CARREIRA DO CONDE (1ª PARTE)

Imos a situarnos no comenzo da Rapa da Folla. Alí onde está o semáforo.

Dirixímonos pola beirarrúa da gasoliñeira cara  o Campo da Estrela. Xusto ata rematar as escaleiras que nos baixan  ó cruce de Xeral Pardiñas ca Carrreira do Conde.

Preocupados polas noticias que escoitamos sobor da construcción dun aparcamento debaixo de Xoan Carlos I, queremos dar a coñecer  algunhas especies arbóreas de gran valor que alí se atopan.

Hoxe, aproveitando a xenerosidade de Raigame que me convidou a colaborar na revista O Pichel, falareilles das duas especies que bordean esa beirarrúa por onde iniciamos o paseo:

1)As ulmeiras(ulmus campestris)

2)As acacias(robinia pseudoacacia)

        ......................................................................

1)As ulmeiras(ulmus campestris)

Eu contei 20 exemplares de ulmeiras.

Esta árbore aparecía en moitas vilas como planta de paseo e parques.E lóxico,pois a sua beleza-tronco longo e groso,copa ancha,redondeada-une a sua gran capacidade de resistencia a contaminación,así como a facilidade para fixar ó chan, coas suas raices profundas.

As ulmeiras xa só quedan naturalizadas, en Galicia, na provincia de Ourense..

Como moitas outras árbores,dende antiguo a sua madeira foi moi apreciada na construcción e carpintería;Nas casas usaban as follas cocidas, contra ó reuma e contra a diarrea...

Istes 20 exemplares son dos poucos sobreviventes a grafiose-a praga, provocada por un fungo e transmitida por un coleóptero, que dende a primeira guerra mundial-1914/18-

fixo estragos nas ulmáceas.

Os primeiros exemplares de ulmeiras e acacias desta beirarrúa foron plantados cara ó ano 1930,cando se proxectaron os estanques arredor da estatua de Méndez Nuñez.

                          ..........................................................................

 

2)As acacias(robinia pseudoacacia) 

De acacias contei 15 exemplares.

Vou a reproducir parte do texto que a esta especie lle adicaron no seu libro: A Alameda, xardín pacego de Santiago, os profesores S.Ortiz, J.Izco, J.Rodriguez Oubiña, editado polo Concello de Santiago en 1986.

Aproveito para pedir a reedición actualizada desta obriña tan completa, que tanto nos fixo coñecer e querer as especies vexetales.

O texto adicado as acacias(Robinia pseudoacacia L.) sempre me fascinou pola sua compoñente histórica (Ese herborista Jean Robin, descubríndoa no Canadá-1601- enviándoa a Corte Real de Enrique IV; seu fillo plantando un exemplar no Museo das Plantas en 1635;exemplar que 150 anos dempois acadou os 20 metros de altura)

A outra fascinación veu dada pola compoñente diaria e práctica que a xente sempre tirou desta planta:

“.....as suas froles, que nacen en racimos pendurantes, brancas, de ulido e sabor agradabble son comestibles e coñécense popularmente coma “pan de queixo” e consúmense como recheo de filloas. Antiguamente preparábase con elas unha auga destilada á que se lle supuñan propiedades antihistéricas  e antiespasmódicas; visitadas polas abellas producen un mel de regular calidade. As follas serven de alimentación complementaria ó gando.

A súa madeira é de cor pardo-dourada ou vermelliza,dura como a do freixo,pesada e elástica pero esgázase con facilidade. Así e todo amosa unha gran resistencia á presión vertical. Utilízase para esteos, entaboados, mobles taraceados, duelas, útiles caseiros, etc...”

E polo de hoxe,mais nada; apoio o sentir popular dos veciños de Carreira do Conde, de Raigame e de tódala xente con sensibilidade solicitando, a quen proceda, que se respeten as árbores desta zona.!!! Calquera delas vale tanto como ó mellor dos coches que se vaia aparcar alí!!

No título puxen  I pois agardo poder falarvos de algunha favorita mais....

Agardo que o Pichel reciba  tamén as vosas ideas, preguntas, suxerencias, etc.

Ata a próxima.

Antón da Sobreira
Santiago de Compostela

0 comentarios