Blogia
Antón da Sobreira

AS MIÑAS ÁRBORES: CARREIRA DO CONDE (2ª PARTE)

Moitas gracias ós amigos de Raigame, por brindarme novamente as páxinas da revista “Ó Pichel” para falar un pouco das nosas árbores.

Neste 2º e derradeiro artigo sobre as plantas que desaparecerán de Carreira do Conde falaremos das palmeiras (Phoenix Canariensis) tan esbeltas e bonitas e doutra plantiña autóctona que milleiros de galegos coñecen, pois é das que tamén aprovéitaselle case todo:O sabugueiro (Sambucus  Nigra L.)

A palmeira canaria foi coñecida en 1840 por un botánico inglés que estudiaba a flora do arquipélago canario, de aí o seu nome. É unha árbore con tronco cilídrico que chega ata os 20 metros de altura. Nesta especie cultivada pódanselle as pólas, pero en condicións normais quédanlle presas no tronco.

A súa saiva é rica en azucre (faise un mel chamado lagmi de gusto parecido á horchata). Sen embargo o seu froito non é comestible.

Serán 7 exemplares exóticos e esbeltos os que desaparecerán desta rúa tan emblemática.

Hai outras especies de árbores máis na zona (tuias, abetos, setos...), pero gustaríame rematar falando do único exemplar de Sabugueiro que hai pegadiño á fonte.

O seu nome “Sambucus”  é latino derivado de Sambuca, un instrumento musical romano parecido a arpa, que se construía con madeira desta árbore. “Nigra”, negra pola cor dos seus froitos.

É orixinaria do norte de África e atópase por toda Galicia, habitando en lugares frescos e húmidos. É das plantas medicinais máis antigas. O seu zume calma a dor de cabeza. É moi bó paro os resfriados.

¿Acordadesvos  cando a nosa avóa aplicaba as follas secas do Sabugueiro para curar aquel corte que tanto sangraba?

¡Cántas estacas non temos feito coa súa madeira!

¡Cántas frautas non temos feito coas súas poliñas!

Entereime tamén que a súa médula utilízase en microscopia para preparar seccións de pequeno grosor.

Sabía, porque o teño visto na aldea, que os seus froitos serven para colorear o viño... pero quedei abraiado cando vin licor de Sambuco embotellado á venda nun centro comercial santiagués: era unha botella preciosa feita en Italia... Cada vez que paso diante do Sabugueiro prométome que ei mercar unha; ¡ten que ser delicioso!

Nada máis polo de agora. Parece que o Concello quere que siga a escribir sobre as árbores que eles fan desaparecer coa súa política de aparcamentos sobre toda a cidade: acabo de enterarme que queren furar a Praza Roxa... Así que si mo permitides, no vindeiro número do Pichel, falareivos de dúas árbores excepcionais que tamén desaparecerán e que forman parte da paisaxe desta Praza.

Ata daquela,moitas gracias por escoitarme.

 

     ANTON  DA  SOBREIRA

0 comentarios