Blogia
Antón da Sobreira

50 xacarandás ( As miñas árbores XII )

As miñas árbores  (XII )

 

“Cincuenta xacarandás”

             Por Antón da Sobreira

 

Benqueridos lectores e  veciños:

               Tédesme preguntado como xorden os temas dos que falo e de onde tiro a información das árbores.

         A cousa é moi sinxela.

         Dada a miña idade, dispoño de moito tempo libre que trato de encher- entre outras actividades-  percorrendo a cidade, sen maiores pretensións.

         Iso foi o que me pasou, un domingo calquera de novembro, cando aparecín no camiño da Ameixaga.

         Eu ía medio perdido polo inmenso parque de Belvís – baixei polo calexón das Trompas-  observando o efecto outonal nos loureiros, castiñeiros e nogueiras que alí se atopan.

         Logo dun emparrado de glicinias- aínda cheas de follas- atopei o Camiño da Ameixaga  que desde Quiroga Palacios, lévanos a Avenida de Lugo. Non fun cara o Seminario Menor, senón que baixei cara a Sar.

          E alí, a miña esquerda segundo baixaba, atopei os cincuenta xacarandás. (jacarandá mimosifolia” ).

          Están distribuídos en tres xardíns, correspondentes a catro bloques de vivendas. No primeiro, máis grande, contei trinta e un exemplares. Nos outros dous, hai doce e nove exemplares, respectivamente.

        Quedei abraiado, e matinei a quen lle podería atribuír o bo gusto de inzar unha nova urbanización, cunha árbore totalmente exótica, de esplendorosa beleza, pero de difícil adaptación a Galicia...

       Sería o arquitecto, autor do proxecto inmobiliario ?.

       Serían os presidentes de comunidade, autorizados polos residentes ?

         Non sei, a dúbida e o misterio dos cincuenta xacarandás da Ameixaga, aínda fan máis pracenteira a súa contemplación: en Compostela, lonxe do seu habita natural do continente sudamericano ( é nativo de Brasil, Bolivia, noroeste arxentino ).

       Son árbores de porte esvelto, follas compostas e opostas, moi semellantes ás dos nosos fieitos e, aínda máis, ás da Albizia (“albizia julibrissin”) da que podedes ver uns cantos exemplares na Porta do Camiño.

         O xacarandá florece na primavera cunhas belísimas flores violeta, que van facendo acios espesos e campaniformes, namentres van aparecendo as follas verdes pouquiño a pouco, para chegar a unha conxunción espectacular en pleno verán: o contraste,  en  árbore tan elegante, desas dúas cores, é pura maxia estética.

          A persoa que ideou a súa plantación, coñéceos ben: sabe que non soportan as xeadas nin os fríos galegos, e así orientounos cara o leste, para que o Sol lles dea esa calor que tanto precisan e poidan medrar sen problema ( case todos superan os dous metros).

          Se ides pola Ameixaga nesta época, podedes ver como algúns teñen xa o froito: unhas casulas verdes e chatas co borde ondulado, que se abrirán o madurar para ceibar as pequenas e abondosas sementes, aló polo febreiro...

          E se queredes saber máis sobre esta árbore tan fermosa,  aquí vos deixo un par de libros que teñen fotos e información moi completa: chegáronme de xente querida que vive na “quinta provincia”, e non sei se están publicados en España:

 

- 100 árboles argentinos: Eduardo Haene – Gustavo Aparicio. Editorial Albatros. Buenos Aires. 2001

- El Nuevo Libro del Árbol.Tomo I. Editorial el Ateneo. Buenos Aires. 2000

 

       Remato a segunda cuestión, relativa as miñas fontes de información, citando e recomendando vivamente, un par de libros que sempre me acompañan:

 

-Guía das árbores de Galicia. Marisa Castro-Luis Freire-Antonio Prunell.

  Ed. Xerais. Vigo . 1990

-A Alameda, xardín pacego. S.Ortíz- J.Izco- J.Rodriguez. Parques e Xardíns. Concello de Santiago. Santiago. 1986

 

       E cando estou acabando de escribir estas letras, chégame -aínda quentiño-:

 

-Guía das árbores autóctonas e ornamentais de Galicia : Marisa Castro- Antonio Prunell-Jaime B.Blanco-Dios. Colección Natureza. Xerais. Vigo. 2007.

      En Compostela, no mes de  San Martiño, 2007

Antón da Sobreira

0 comentarios