Blogia
Antón da Sobreira

As miñas árbores (XIII ) Árbores Senlleiras -I -

 

Benqueridos lectores e  veciños:

               Hoxe vou comentarvos  unha iniciativa,  moi importante, que adoptou o goberno galego.

               No Diario Oficial de Galicia  nº 74, do 17 de Abril de 2007, disponse a creación dun  CATÁLOGO GALEGO DE ÁRBORES SENLLEIRAS, dependente da Consellería de Medio Ambiente.

              A Dirección Xeral de Conservación da Natureza regula, mediante  Lei, a protección de árbores  excepcionais polas súas características e importancia : idade, tamaño, rareza, historia ; calquera virtude é válida para protexer de riscos e ameazas a moitas árbores galegas, valiosísimas, que están en perigo.

              Remata o decreto con tres anexos:

No anexo I, decláranse 106 árbores senlleiras na nosa Comunidade: desde a “Perona” da nosa Alameda –(1A)- ata as Washingtonias Robustas do Pazo de Santa Cruz de Rivadulla (106A).

             No Anexo II decláranse 21 formacións senlleiras na nosa Comunidade: desde o “ Buxal da Casa da Botana “  en Arzúa (1F), ata os “Olmos do Xardín de San Carlos “ na Coruña (21 F)

             O Anexo III é un formulario  que se pon a disposición de entidades e cidadáns, para que poidan facer propostas ó Catálogo.

             Naturalmente, para un afeccionado coma min, só procede felicitar a Xunta de Galicia, por tomar semellante acordo.

             Aínda que, pensándoo ben, habería que preguntar:

                   “ E logo, non había nada feito ata o 2007, para protexer as nosas árbores senlleiras ?”

          Pois non, amigos lectores.

               A desidia política , cara a natureza e os temas botánicos, é tan profunda nestes tempos, que centos de especies vexetais singulares estaban en perigo de morte e non había nada feito para coidalas e protexelas.

             ( cantas desaparecerían nos últimos tempos ?? )

Teño sensacións contradictorias:

a)      Menos mal que se fai algo !.

         Este Catálogo paréceme un instrumento importantísimo, para traballar a prol da conservación de tanto patrimonio botánico como temos en Galicia.

Xa que nos abriron a porta para propoñer, suxerir e aportar exemplares senlleiros, debemos esforzarnos todos para que a Xunta non teña descanso, coidando de tantas xoias arbóreas galegas... porque

b)     Pérdese tanto tempo coa lentitude burocrática !

       Sen discutir os criterios de saída , ¿ por qué se catalogan 106 árbores, e non 110 ou 120, etc. ?  - Xa digo, é unha primeira medida, e imos darlle o beneficio da boa vontade –

        O triste, o desalentador é que, ano e medio despois deste avance histórico no eido medioambiental galego, só houbese tres (3) incorporacións  o Catálogo de Árbores Senlleiras: O Carballo de Portacal en Sobrado dos Monxes; o Carballo de Luxís en Castro de Rei, e a formación de Tileiros Prateados do atrio da Igrexa de San Domingos, en Ribadavia....

           Se , en 18 meses, Concellos, Deputacións, Consellerías, Colectivos, Ecoloxistas, Comunidades Veciñais, cidadáns...non fixeron propostas,

¡ malo !

           E se as fixeron, e non foron atendidas

 

¡ moito peor !

 

          E tamén deprime ler, na web institucional

 

http://novas.xunta.es/node/12627

 

que a Consellería de Medio Ambiente “ten previsto sinalizar cunha placa cada un dos exemplares incluídos no Catálogo(..) e completarase cun Manual de Identidade, que servirá para verificar a identificación  e fomentar a súa divulgación...”

           Entendedes agora, o da lentitude burocrática ?

En fin, prezados lectores, agardo poder falarvos - no vindeiro Pichel- dos exemplares compostelás que forman parte do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

          E, mentres, gozade da beleza invernal das nosas árbores:

paga a pena !!.

 

polo San Martiño de 2008

Antón da Sobreira

0 comentarios