Blogia
Antón da Sobreira

Meu irmanciño...

Vítor F. Freixanes, escritor e intelectual galego, agasállanos cun fermoso artigo na Voz do domingo día 1 de Febreiro.

Fala da costume que había en Trasalba - cuna do gran Otero Pedrayo - de plantar unha árbore cando nacía un neno.

Lean con atención : emociona ( só con  pensar que D. Ramón era fillo único ... )

...

Os pinsapos de Trasalba

(La Voz de Galicia )

Autor: Víctor F. Freixanes Fecha 1/2/2009

Cando naceu Ramón Otero Pedrayo, en marzo de 1888, o seu pai plantou no xardín da casa grande de Cima de Vila, en Trasalba de Amoeiro, unha árbore especial. Don Ramón dicía que era unha araucaria. O botánico Carlos Dacal, estudoso das árbores nobres de Galicia, identificouna coma un pinsapo: un pino-abeto, poderiamos dicir, iso que de nenos chamabamos árbore de Indias, definición que incluía unha chea de especies de fasquía máis ou menos semellante, ornamento dos xardíns e das casas de certo señorío no século XIX.

Durante anos a árbore e mais o neno medraron xuntos. «O meu irmanciño», gustaba de chamalo don Ramón, que era fillo único. E cando no inverno de 1972 unha treboada tronzou a araucaria-pinsapo, derrubándoa mesmo enriba da solaina, que a piques estivo de estragalo todo, o patriarca considerou o feito un canto de curuxa, o anuncio de que o seu final tamén estaba próximo. Tiña daquela 84 anos. De feito, finou pouco despois, en abril de 1976. Coas táboas do irmanciño fixeron o cadaleito, e alá marcharon xuntos para o cemiterio ourensán de San Francisco: a árbore e mais o neno, os dous irmáns.

O furacán destes días chimpou un segundo pinsapo. Hai dúas versións. Unha di que foi plantado para substituír a primeira árbore de don Ramón, a que puxera o seu pai. Outra versión, a máis acreditada, di que foi o propio don Ramón quen a plantou, xunto coa súa nai, dona Eladia, en memoria do pai, que morrera en sendo o escritor un adolescente. En calquera caso, tratábase doutra árbore simbólica, outro pinsapo, na tradición das vellas casas galegas de chantar unha árbore nova en lembranza dos seres queridos. Era práctica común nas sociedades antigas afirmar desta maneira a memoria e a vida: as árbores (algunhas árbores sobre todo) simbolizan a permanencia, mesmo a eternidade. Os cipreses, que na cultura cristiá identificamos cos cemiterios, son en realidades a árbore da gloria, a árbore de Apolo nos textos clásicos, ergueitos, soberanos? O carballo, poderoso e lonxevo, era unha das árbores dos antigos druídas. Na casa de Cima de Vila encarnan a memoria dos que noutrora a habitaron.

Non son estas as únicas árbores simbólicas do xardín da casa grande, que seica foi deseñado contra finais do século XIX. Contra a fachada sur, os visitantes poden apreciar unha vella laranxeira. Plantouna o avó de don Ramón, Antonio Otero, ao pé da escalinata que conduce á solaina, cando naceu o seu fillo, don Enrique, o pai de escritor, e alí segue, aínda que nos últimos tempos unha estraña peste lle anda enriba. As laranxas adornan as súas polas e, nos meses máis duros, é fermoso velas acompañadas pola neve. Carlos Rodríguez Dacal estudou moi ben todo este pequeno mundo verde: a corpuda tilleira, as pereiras que tanto agarimaban a dona Eladia, as araucarias, o loureiro real, o carballo no que repousaba a figura do poeta Noriega Varela, os castiñeiros do souto? Levou o vento o segundo pinsapo. Haberá que poñer outro.

0 comentarios