Blogia
Antón da Sobreira

Senlleiras de Compostela...( vai ligazón do Pichel nº 13 )

As  miñas  árbores ( XIV )

Árbores senlleiras de Galicia  -II –

por Antón da Sobreira

 

 

Saúdos botánicos  benqueridos lectores e veciños ! :

   Tal e como vos prometín na anterior andaina  - ver O Pichel nº 12 - , hoxe compre falar das senlleiras compostelás.

   A Xunta de Galicia inclúe  no seu catálogo de árbores senlleiras, os seguintes exemplares, ou formacións, ubicados no noso Concello:

 

1 A .- “Perona” do paseo da Ferradura ( Abies nordmanniana )

2 A .- Eucaliptos do paseo da Ferradura (Eucalyptus globulus )

3 A .- Xinkgos do Pazo de Fonseca ( Ginkgo biloba  )

4  A .- Tileiro prateado da Alameda do Campo da Estrela (Tilia tomentosa )

5 F .- Carballeira de San Lourenzo de Trasouto ( Querqus robur )

 

       Como vedes son cinco (5 ) exemplares, dun total de 128 en todo o país.

       ( A siñifica árbore, e F  formación ).

       Podedes apreciar o pequeno círculo xeográfico onde se atopan: dous na Ferradura, outro na Alameda – que ven sendo o mesmo - , outro en Fonseca, - a cen metros-, igual que a carballeira de San Lourenzo.

        Non é casualidade, pois revela perfectamente a valoración, orixes e historia  do gusto pola botánica e as árbores, dos nosos antepasados e contemporáneos..

I

       Do gusto destes últimos é o Abeto do Caúcaso – Abies nordmanniana-(“perona” ) . Un agasallo de Eva Perón, no ano 1947, a Santiago, por mor da súa visita a España.

        ( Hai poucos anos que morreu  a araucaria –“araucaria araucana” – compañeira de agasallo do abeto, e que fora plantada  o pé das escaleiras que unen o Paseo coa Ferradura )

II

 

        Os catro Eucaliptos da Ferradura xa son outra cousa.

Palabras maiores.

         Se paseades calquera día , sempre iredes ó primeiro : o eucalipto dos namorados : Centenario, 45 m. de alto, 7 m de contorno....

          Está tan ben situado, ten unhas vistas tan máxicas, que ata as institucións non son alleas: un cómodo banco de madeira, permite demorarse, sen presa, no éxtase dunhas vistas impagables.

          Seguindo o percorrido natural da Ferradura, chegamos ós outros dous, que están moi xuntos na explanada do monumento a Pais Lapido – o factótum da Exposición Rexional de 1909 – xa cen anos !.

          O cuarto, e derradeiro do grupo, forma parte na mesma zona,  do noiro que constitúe ó  peche da Ferradura.

            Cando os vexades, pensade que estades diante dos primeiros exemplares de Eucaliptos, de Galicia, fillos dos traídos por Frei Rosendo Salvado de Oceanía, aló polo ano 1860....

          É outra das virtudes  que teñen ás árbores : poder viaxar na historia, especular, preguntar, mergullarse – seducidos – noutros tempos : Que facía un frade galego nas antípodas, no século XIX ?)...

 

III

          No Pichel nº3 xa vos falei da árbore de moda , o ginkgo biloba.

Hai unha fascinación – lóxica –por unha especie vexetal supervivente do Pleistoceno ( un millón de anos ! ).

          É a árbore da vida !

         A parella do xardín de Fonseca é unha xoia : Son os dous únicos exemplares que quedan do primitivo Xardín Botánico da Universidade, creado en Fonseca na década dos 70, pero do século XIX !.

         Reflexionade : eles, camiño dos 140 anos, poden contarnos cousas da reaparición do sartego do Apóstolo, en 1879 ..

         Non é suxestivo ?

 

IV

 

         O porte maxestoso do tileiro prateado da Alameda – 4ª árbore senlleira de Compostela –é consecuencia da súa idade : segue vivo desde 1878, testemuña muda que aparece sempre neses primeiros debuxos e bocexos do noso xardín pacego..

       Os tileiros prateados ( “tilia tomentosa” ) son árbores históricas, xa amadas por gregos e romanos : como en tantos outros , aproveitábase todo : a cortiza,-como pergamino para escribir- ;

             as flores en infusión,  como sedante (“tila” ) ; -a madeira, para tallar 

o carbón, para pólvora e para debuxar ; a estética, para decorar xardíns e zonas verdes : ese contraste das follas, abaneadas polo vento !

       (Cando leades estas liñas, vide un día perto da igrexa do Pilar : Iniciando a formación do Paseo Central, senlleiro, esvelto, poderoso, o tileiro prateado máis antigo de Santiago, deixará disfrutar a vosa vista, e acougar o voso espírito ...)

 

V

 

       “carballos rexos, potentes,

        calados ou musicales:

        loitades como valentes

        coas xistras e os vendavales !...

      ..qué sensación de forteza

       ollando prá eternidade !

( Manuel María : “Terra Cha “ )

 

         Podedes non crerme, pero eu asocio os carballos coa miña vida.

Carballo  = naturalidade ;

         Desde pequeno, había carballos por tódalas partes :

 

-travesas para facer o alvó ( non podía chover dentro ! )

-cortiza para a curtidoría ( hai que exportar coiro ! )

-landras para os porcos ! ( se o porco voara ! )

         A carballeira de San Lourenzo é un exemplo- afortunado- do carballo na nosa  vida.

        Non importa a súa orixe, tampouco a súa situación, nin moito menos a desidia de todos.

          Se ides por alí -está  perto   do Campus- quedaredes abraiados : toros  retortos, follas vizosas, céspede verde, auga....unha carballeira viva !.

         “ Quercus robur “ ...( madeira fermosa  , sería a traducción lineal ).

Desculpade, pero voume cos antepasados...

Non hai color !

Antón da Sobreira

http://www.santiagodecompostela.org/medi/publicacions/opichel/revistaopichel13.pdf

0 comentarios