Blogia
Antón da Sobreira

Unha pequena xoia, tan necesaria...!

  Difundimos artigo aparecido no Pichel nº 14, do secretario da A.Vv. Raigame, relativo a un libro sobre a nosa lingua... 

 

Non sabedes canta alegría sentín, cando lin nos xornais que un novo libro galego foi presentado, simultaneamente, en cincuenta e cinco sitios distintos do mundo.

     Efectivamente, o venres día 4 de febreiro de 2010, apareceu publicamente, o que debe ser o noso libro de cabeceira do galego :

 

55 mentiras sobre a lingua galega

Edicións Laiovento S.L ( www.laoivento.com ). –colección cadernos ensaio- coord por Xosé Henrique Costas –

      A primeira virtude  xa foi ese detalle tan orixinal : aproveitar as redes sociais de internet, para conectarse e facer o mesmo acto en sitios tan dispares como Melide, Wisconsin , Bos Aires ou Moaña...

      ( Coa primeira virtude, a primeira reflexión : non estamos solos : Canta xente entusiasta ama ó  galego ! )

Naturalmente faltoume tempo para ir a mercalo - oito euros : prezo  accesible  - e engulilo nun par de horas, que saben a pouco.

    Esa é a segunda virtude : a facilidade de lectura. É un libro tan grato e  ameno, que non es quen de deixalo, ata rematar

    ( Segunda virtude, segunda reflexión :  que bos profesionais temos !. Xente do colectivo Prolingua  que lle dan xeito escrito – sen faltar a verdade – a cousas de sentido común, pero que os inimigos do idioma non atenden nin respectan )

     Non me resisto a transcribir un par de textos do limiar,  px.7

“Non sabe vostede, ou se cadra si, o difícil que resulta para o profesorado de Lingua galega no exterior –Tubinga, Toronto, Varsovia ...- dar explicado a un universitario alemán, ou a unha alumna canadense que certa xente, censada neste noso país, dedica moito tempo a combater a existencia plena, culta e oficialmente recoñecida do seu propio idioma.

Un amor elemental a humanidade fainos crer que tal cousa non é posible “...

Chamámoslle actitude a predisposición a avaliar favorable ou desfavorablemente un obxecto, persoa ou situación ( unha lingua, no caso das actitudes lingüísticas ) e a actuar de acordo con esa avaliación.

Os prexuízos nacen das actitudes.

Un prexuízo é unha idea preconcibida, que ten a súa orixe nun erro – deliberado ou non – na categorización da realidade.” . px. 9

        Esa é a terceira virtude: ser didácticos ; claridade ,  facilidade de exposición, razoamentos comprensibles.

( Terceira reflexión : definir un prexuízo : cantos saben o que é ?. Como non vai seducirnos este libro ? )

        Xa vedes, estaría destripando o libro para todos vos ; é un texto que se deixa querer e que conforta as persoas.

         Aínda así, remato coa cuarta virtude : clarividencia nas 55 mentiras – ver índice, px. 79 –

Nese afán pedagóxico, que impregna o libro - afán que leva implícita a veracidade, os datos contrastados, a evidencia histórica - está a súa eficacia: é un libro que te persuade definitivamente: o galego é unha lingua e o resto son 55 trolas baseadas en prexuízos.

        Aquí vai unha delas ( px. 51 )

 Falacia : “Temos dereito a que toda a sinalética e a documentación oficial –toponimia, administración, escolas, hospitais, etc. –estea nas dúas linguas “

 Razoamento :Unha persoa normal , que acabe  de chegar a Galicia e nunca tivese contacto co galego, entende ben o galego en menos dun mes,  e pode falalo en menos dun ano, dada a proximidade estructural entre galego e castelán.

....

-En Galicia, di non entender galego o 1% da poboación . Ese 1% seica non entende sinais como “urxencias”, “tocoloxía”, “escola “, “pavillón de deportes”, “consellaría de traballo” , etc. porque o galego seica é complicadísimo ! -

         En fin, compañeiros e veciños, anímovos a lectura pracenteira desta pequena xoia e , logo , darlle pulo para compartila coa xente de ben, pois - px.6 “queremos a nosa lingua como queremos os nosos pais ou os nosos fillos: porque son nosos; e abonda

Santiago, primavera do 2010

Agustín Pena Herva

0 comentarios