Blogia
Antón da Sobreira

Poderosa Hermafrodita

         Coa Tipuana (Tipuana tipu –Benth. , Kuntze - ) pásame unha cousa moi curiosa.

Sempre a vexo espida.

        Vaia , tampouco debo esaxerar !

En realidade só a vin dúas veces.

        A primeira, foi no seu país de orixe : Arxentina.

Era agosto e, claro, inverno austral.

        Aínda que non lle prestei moita atención – os afeccionados, cando empezamos, só ollamos o verde perdurable- ,  si  lembro que preguntei por aqueles centos de exemplares que, espidos, inzaban as grandes avenidas, de evocadores nomes: “Ribadavia “, “Maio”,  “9 de xullo”...

- A  tipa ? ..tes que vela floreada !. Non se coñece a cidade  , inundada de flores amarelas !  -dixérame xente querida.

       Como tantas lembranzas máxicas, o marelo imaxinario da Tipuana quedou durmindo no limbo, mentres eu trataba de contarvos porque a chorima debe ser a  nosa flor nacional, ou de achegarvos o valor das  nosas senlleiras.

....

     Aló por xaneiro, entérome de que na nosa cidade hai un exemplar de Tipuana.

Faltoume tempo para ir a recoñecelo !

      Chovía, estaba o ceo cuberto, ía frío...e non tardei nada en chegar o parque.

Está  cerca de onde vivo. En realidade , é moi céntrico.

      E atopeina.

Permanecía  espida, como se non pasaran os anos ,  desde a primeira vez  no pasado século.

      Lóxico.

       Era o inverno  setentrional. ( O noso )

.....

     E alí estaban.  Sí. Plural. Porque hai dous exemplares novos de Tipuana.

Non era necesario, para a súa supervivencia, poñer dúas árbores.

     A Tipuana é unha poderosa hermafrodita  - lembrade : na mesma flor, ten o androceo e o xineceo - , que soporta calquera inclemencia,  aguanta tódalas eivas..tódolos anos.

      Sen desfalecer : ollo con ela !.

 Nesa resistencia é  superior as súas irmáns  – pertence a familia das Leguminosae-  :

( mimosas, sóforas, acacias...)

      Chovía, estaba o ceo cuberto, o regato ía moi cheo - camiño do seu pai milenario-.

Era un día  cincento : perfecto para combinar coa color da Tipuana

       Núa.

Coa cortiza gris –parda, case escura.

Coa copa  apuntando xa, unhas formas redondeadas.

         Adaptándose  e disimulando coas compañeiras, de folla caduca, que alí están : moreira, bidueiro, sófora.

( Ninguén diría - pola súa integración - que na orixe, apareceu alá por Catamarca –Arxentina- ).

...

        E aquí me tedes : agardando, ansioso , a chegada de abril, ou maio...

antes de rematar xuño as dúas  Tipuanas  de Santiago, estarán cheas de flores  dun amarelo intenso, que voarán, inundarán o céspede verde, flotarán no regato, e ata poida que cheguen a rúa  que , non moi lonxe do parque, foi  dedicada a d. Isaac Díaz Pardo, o noso insigne veciño.

        Así que , nesa espera para vela  - por fin ! - vestida de follas e flores, sigo alimentándome coas fotos -  fermosas-, que nos bos libros botánicos, outra xente amiga das árbores, ten a xentileza de publicar.

         En Compostela, medrando a lúa de marzo do 2010, saúdos botánicos.

 

 

 

 

 

     Bibliografía :

    1.- Guía Verde de Santiago de Compostela, coordenada por María Isabel Fraga . Concellaría de Medio Ambiente, Parques e Xardíns. Editorial Alvarellos. Santiago de Compostela. 2010

 

 2.-  El nuevo libro del árbol. (tomo I ).  Edición de Francisco Erize. Celulosa Argentina S.A. Editorial  El Ateneo. Buenos Aires. 2000

 

( as miñas árbores XV, publicado no Pichel nº 14 de setembro 2010 )

0 comentarios