Blogia
Antón da Sobreira

Enguedellar-VII ( Ruth Matilda Anderson )

Agora que tan de moda están, as conmemoracións e os fastos para celebrar calquera evento – escusas habituais para potenciar o negocio turístico de cidades e paises - pídovos que fagades unha pequena viaxe coa vosa imaxinación, no tempo.

Hai que voltar atrás.

Retroceder ata o chuvioso dia de San Silvestre do 1925.

Son as sete da tarde en Compostela.

Accedemos a Quintana, pola rúa da Conga.

Namáis entrar, paramos.

Fronte a nós, na Porta Santa, algúns operarios afánanse en colocar as bombillas

de colores que adornarán , todo o Ano Santo que está a piques de principiar, aquelas paredes centenarias...

Hai dúas escadas, restos de terra e pedras...nótanse as obras.

A nosa fotógrafa , non dubida.

Fala con axudantes e colaboradores. Instalan os trebellos da Kodak.

Organiza encuadres, ángulos, detalles técnicos...

( e avisa ós traballadores da Catedral, de que vai a tirarlles un retrato. )

Preme na botoneira, e outra instantánea - imperecedeira -, queda apreixada no carrete.

( Case cinco mil fotografías , neses tres anos de viaxe por Galicia, que garda e arquiva cunha meticulosidade exemplar – que hoxe tanto lle agradecemos - )

Porque esta muller , que cumpre os 32 anos, anda por Galicia desde o ano pasado.

Ven desde Estados Unidos.

Traballa para a Hispanic Society of America.

E percorre o noso país, demoradamente : parándose , falando, leendo e traducindo o noso idioma ( é políglota ! ) , preguntando, retratando e gardando - para sempre - a dignidade das nosas xentes...

...

Mollada, pero satisfeita co traballo, a nosa dona vai camiño do hotel.

Xa matina na feira de mañá, en San Fiz de Solovio.

A praza ferverá , chea de xente, no primeiro dia do Ano Santo de 1926.

.....

Boas noites e moitas grazas ! , benquerida

Ruth Matilda Anderson

Antón da Sobreira.

 

0 comentarios