A Feira

A Feira
A Feira ( chamada oficialmente Mercado Nacional de Gando de Santiago ) forma parte do patrimonio inmaterial da capital de Galicia pola súa historia, tradición e arraigamento.
Xa en tempos de Xelmírez - século XII - aparece unha certa regulación que sanciona a compra de gando a ladróns, xentes descoñecidas, etc..
Desde o século XVIII, celébrase tódolos xoves na carballeira de Santa Susana, aumentando a súa importancia a medida que pasan os anos.
É comprensible : Galicia é ( era ) unha terra basicamente agrícola e gandeira.
E Santiago era o centro deste mundo rural.
A Feira sempre tivo moita sona pola abundancia e variedade de gando ( vacuno, porcino, cabalar...), pola diversidade de xentes e comercios ( había negocios varios relacionados con todo o do agro ), pola seriedade dos tratos ( o acordado, cumpríase sempre )
Foi no 1971, cando a súa magnitude deixou pequena , incómoda e mesmo insana para tanto animal, á Carballeira.
En Salgueiriños estreáronse unhas instalacións acordes cos novos tempos, pensando no gando e tamén nas persoas.
E foi alí, no 1978, cando a Feira acadou o seu máximo esplendor: Mercado Nacional de Gando; denominación que aínda conserva e que siñifica ser un dos nove mercados de referencia en España -tendo en conta que en Galicia hai tres -!
Tanto éxito fixo que se cambiase a data da Feira.
O inmemorial xoves, pasou a mércores, para facilitar o transporte do gando a sitios fora de Galicia (Aragón, Cataluña, incluso Portugal ou Francia).
Coa entrada en Europa, houbo -nas medras – que adaptarse e acollerse as súas axudas.
No 1998 inaugurouse o recinto de Amio pagado, nun 40%, con fondos europeos...
Europa estaba convencida da valía da Feira : era unha marca consolidada, positiva, atractiva : dicir Feira - mercado de gando !- era calidade no territorio español...
E as cifras, confirmábano ano tras ano...
Malia a crise que afecta ao sector nos últimos tempos , os datos do pasado 2010 ( tomados das estatísticas públicas e oficiais ) seguen sendo positivos, chamativos e optimistas :
- Volume económico, en Santiago: 49.300.000 euros
- Torrelavega: 46.400.000 euros (E non digamos os dous mercados galegos : 18.200.000 euros Silleda; 7.700.000 euros Castro de Ribeiras do Lea)
- Taxas Concello (por cabezas de gando e coches , cada mércores ) : 125.000 euros/ano.
- Actividades complementarias : hostalería, transporte, productos agricolas... : 500.000 euros / ano, aproximadamente...
Vaia!
Empecei platicando sobre o patrimonio inmaterial , e acabei falando de cartos! , o discurso habitual hoxendía -lamentablemente-
e aínda así...
...servirá de algo ?
Ter, na capital de Galicia, un patrimonio inmaterial que segue sendo rendíble economicamente no 2011, non é dabondo.
A Xunta de Galicia quere levar a Feira, para Silleda
E o Concello de Santiago, colabora.
Que se pode facer , para evitar esta desfeita?
0 comentarios