Blogia
Antón da Sobreira

A NOSA FLOR NACIONAL (Primeira parte)

Os amigos da Asociación de Veciños Raigame tiveron a deferencia de habilitar un recuncho na súa páxina web (www.raigame.com ) para estas  divagacións sobre as miñas árbores.

E foi así que tiven noticias alentadoras relativas  a  última colaboración, cando vos contaba a emoción que sentía o ver o agarimo con que os nosos irmáns latinoamericanos agasallaban as árbores, mesmo nomeando cada país, a súa flor nacional...

Houbo varias mensaxes, que agradezo moito, nas que, amén de compartir a ledicia por eses pequenos detalles de honrar unha flor, aproveitaban para contestar  a miña pregunta retórica de se pode haber, algún día, unha flor nacional de Galicia.

E case todos  botáronse a nomear cadansúa candidata.

De xeito que, gracias a ese invento tan moderno que se chama internet,  puiden coñecer esa enerxía positiva da nosa xente; como aínda hai persoas que se implican en cousas- que poden semellar miúdas ou pouco importantes- pero que son unha mostra de que,  en tempos coma estes, tan feroces co mundo vexetal, non está todo perdido.

Por tanto, benqueridos lectores e veciños, abordarei neste artigo un par de cuestións, digamos previas, para poder nomear a nosa flor coas debidas garantías de consenso.

En primeiro lugar compre establecer unhas bases de traballo; unhas regras de xogo que nos permitan acadar a maior fiabilidade posíbel na elección.

Coido que todos estamos dacordo en que a cousa non consiste en ollar arredor noso, e dicir: “pois a min gústame a azalea”; “eu prefiro os xasmíns.”,  “o rododendro sí que é bonito”, etc., etc.

A flor nacional de Galicia ten que ter unha dignidade, uns alicerces solidamente construídos e temos que ser nós (o pobo) quén llos facilitemos.

Así que, antes de nada, habería que consensuar unha Comisión científica-técnica-cultural(formada, por exemplo, con expertos de Botánica das nosas Universidades e das Consellerías de Medio Ambiente e Montes ).

Esta Comisión sería a encargada de facilitarnos unha listaxe de árbores, arbustos e plantas que entrarían na elección.

Deberían explicarnos os criterios básicos da selección ou da exclusión.

Outro exemplo: Non entrarían na selección as plantas, árbores ou arbustos, alóctonos ou invasores; fixando un criterio cronolóxico do que se entende por autóctono ou alóctono.

Non entrarían tampouco, na selección, aquelas plantas ou variedades obtidas en Laboratorio, como se da en moitos casos de plantas de xardín, de cores rechamantes e fermosos de seu...

En fin, definidos os criterios, chegaríamos a unha listaxe de candidatas que incluso se podería agrupar nesas tres especies que falamos:

a) flores de árbores
b) flores de arbustos
c) flores  de xardín

O segundo e derradeiro punto, importante o meu ver, na elección da nosa Flor, é determinar os electores e o método de votación.

Se buscamos as máximas garantías para que a flor electa sexa realmente representativa de Galicia, debemos artellar  un corpo electoral amplo e seguro.

E por suposto, nel debe entrar o maior número posíbel de persoas, os nenos e xoves de escolas, institutos e universidades, en primeiro lugar.

Habería que potenciar as votacións por sectores, zonas, profesións ou actividades, de xeito que, como xa se fai para elixir algúns libros, súmanse as porcentaxes de cada segmento e esa suma é a que nos da a flor gañadora.

Quedaría un corpo electoral parecido a este exemplo:

-       Rapaces de: Colexios, Institutos, Universidade: 25%
-       Colectivos cidadáns,asociacións varias : 25%
-       Expertos (botánicos, viveiros e similar): 25%
-       Votantes de Internet (identificados):25%

Son ideas e suxestións que se poden mellorar e perfeccionar.

Xa digo, non temos presa; e a nosa flor meréceo !!

Así que, polo de hoxe, máis nada.

Na segunda parte espero falarvos das vosas candidatas e das miñas preferidas.

Ata entón, unha boa primavera para todos!

 

Antón da Sobreira
Compostela, Xuño 2006 – Publicado no Pichel nº8 (xuño-06)


 

0 comentarios