Blogia
Antón da Sobreira

A NOSA FLOR NACIONAL (Remate)

A min custoume algún traballo dicir sen respirar
que había plantas monocotiledóneas
pero non din sabido de que familia era
se é que a tiña
o toxo que douraba os montes de Galicia
(Manuel Rivas.
Fonema /fragmento/. Costa da Morte blues)

No anterior Pichel (Xuño, 2006, nº8) falábavos das condicións necesarias, ó meu ver, para poder elixir a flor nacional de Galicia co maior consenso e acordo entre tódolos sectores da poboación galega.

Así que, hoxe, para rematar o tema, e atendendo gustoso a curiosidade dalgúns lectores e veciños, farei a miña proposta.

Unha proposta baseada nunha evidencia e nunha intuición –como non podía ser menos, cando falamos de cousas etéreas e intanxibles, como son os sentimentos-.

A evidencia é que a segunda cor de Galicia é o amarelo.

Naturalmente, a primeira é o verde.

Identificamos Galicia coa tupida alfombra do verde. I é certo.

Curiosamente o verde é  das árbores e dos vexetais en xeral; pois ben, o amarelo é a cor das flores máis abondosas, e para min, máis representativas.

Fixádevos senón: entre a primavera e o verán, toda Galicia é un atractivo veludo amarelo:  toxos,  xestas,  mimosas, castiñeiros, nabos,.. compiten nunha rechamante escala de amarelos, a cal máis fermoso.

Establecida a evidencia da cor, compre falar da intuición.

A intuición forma parte da nosa formación como persoas.

Parafraseando a Afonso Eiré, que escribiu “Eu tamén fun cas vacas”, eu tamén fun o estrume.

No monte, cargando carros de mulime, atopei a flor do toxo.

Medrei na súa compaña.

Sempre estaba alí.Dura e tenra. Verde e amarela.

O toxo - ulex europaeus-  servía para todo: facer esterco, alimentar o gando en invernos longos e duros ( o toxo manso ripábase, para picalo e convertelo nunha comida moi completa para os animais, mesturado con herba -verde ou seca-.)

Permitídeme por tanto que, a esa miña intuición íntima - de que a flor do toxo é a nosa flor nacional galega-  vos aporte cinco (seguro que hai máis) razóns obxectivas para o seu nomeamento:

1ª.- Autóctona.

O toxo forma parte da singularidade de Galicia.

Dende tempos inmemoriais acompaña a familia galega.

Se hai unha trinidade animal que  nos distingue como pobo (vaca, porco, galiña), existe unha tríada vexetal consustancial ó noso ser: castiñeiro, centeo, toxo.

 

2ª.-Estacional.

A existencia de tres tipos de toxo: toxo duro, toxo femia, toxo manso, que se van alternando na súa floración, permite que a flor do toxo estea presente durante todo o ano na xeografía galega.

Un milagre do  que moi poucas plantas poden presumir.

 

3ª.- Calidade.

Como se di nos prospectos dos medicamentos, a flor do toxo, non ten contraindicacións. Ben ó contrario; amén das clásicas aplicacións médicas- fervida en auga-, con ela faise un licor gorentoso que cumpre os requisitos mais esixentes de calquer sibarita.

 

4.-Estética.

A singular beleza da flor do toxo ven dada polo contraste entre o verde profundo das espiñas e o amarelo dourado dos pétalos, tenaces superviventes durante todo o ano.

Hai algunha flor que teña tanto mérito ?

 

5.-Idioma.

Outra singularidade.

A flor do toxo ten nome.

Chorima. Unha verba única, cálida e chamativa.

Pensade: cantas flores (arbóreas) teñen nome propio ?.

Moi poucas, e si se vos ocorre algunha, tamén é amarela!!.

(neste intre, eu só lembro a recandea, flor do castiñeiro...)

 

En fin, benqueridos amigos, eiquí vos deixo a miña flor nacional galega.

 
O seu nome é chorima. 
A súa planta é o toxo.

E témola, afortunadamente, todo o ano adornando a nosa terra.

Que non morra nunca !

 

Antón da Sobreira
Compostela, Outono 2006

 
 

 

0 comentarios