Blogia
Antón da Sobreira

O Catálogo das árbores senlleiras de Galicia, tirado nun almacén....

Reproducimos a Tribuna da Voz de Galicia, do pasado martes día 5 de outubro ,único lugar onde podemos atopar o prólogo  "pantasma ".

Pensade , pódese condenar a un libro - que xa esiste , para que os lectores lean e disfruten - a escuridade total por un prólogo que non gusta ?. 

Ollade e xulgade.

Días atrás La Voz de Galicia facíase eco do «secuestro» de miles de exemplares do primeiro Catálogo das Árbores e Formacións Senlleiras de Galicia que foi aprobado por decreto da Xunta de Galicia do 22 de marzo do 2007 e onde tamén se creaba o seu comité científico.

O lamentable suceso non ten moita historia: unha semana antes de deixar o meu cargo de director xeral, en abril do 2009, puxen toda a edición nas mans dunha distribuidora e ordeneille que a repartise entre os centros educativos de Galicia porque non me pareceu correcto, dada a nosa situación de interinidade, presentalo formalmente. Dúas semanas máis tarde, comunícanme da empresa que a distribución, por orde dunha persoa «da casa», quedaba aprazada sine die.

Como queira que o libro parece que se vai distribuír por fin, pero sen o prólogo da miña autoría que levaba a edición orixinal, aproveito a xenerosidade deste periódico para que cando menos aqueles que sintan algunha curiosidade poidan lelo agora, aínda que algo coutado polos requirimentos de espazo:

«Cavilaba eu, cando fun por vez primeira a Inglaterra, que estes países que sempre se tiveron por ser os máis avanzados de todo o planeta, non o eran tan só en razón ao seu enorme potencial industrial, nin tan sequera polo arrepiante potencial bélico, ou incluso en atención aos grandes logros científicos dos seus habitantes nos múltiples campos da ciencia, caso por exemplo o do británico Darwin que este ano andamos a lembrar.

Non, non só por iso.

A min o que máis me abraiou foi que aquela xente tiña un sentimento de suficiencia e de autoestima que se trasladaba dun xeito contundente ao territorio e ao seu patrimonio material e inmaterial.

En efecto, latexaba naqueles illáns o orgullo por conservar a herdanza dos seus devanceiros, de manter incólume a arquitectura tradicional das súas aldeas, a súa casa de labranza, a súa capela ou igrexa gótica, os vellos pubs ateigados de obxectos con varios séculos de antigüidade.

E así puiden contemplar marabillado como malia todas as disposicións que se aprobaron para a ordenación do territorio, de vez, moitas veces, xurdía no medio dun campo un enorme carballo, e as estreitas estradas marchaban todas a rentes de centos de árbores enfiadas, e os campos e as agras ían delimitadas por sebes asombrosas.

E cavilaba eu, xa de volta, que todo isto e que á xente por aló se lle dea por pendurar un niño para os paxariños na póla máis próxima da porta da súa casa e botarlles de comer no inverno debe ter moito que ver sen dúbida coa posición que hoxe manteñen no planeta.

Por todo isto foi para min e para a Dirección Xeral que eu representei un enorme pracer crear o catálogo de árbores senlleiras de Galicia que neste libro se presenta, así como presidir o seu comité científico, porque que mellor forma de amosar o respecto polo noso e polos que nos precederon que protexer os monumentos vivos máis vellos do país, e que teimosamente seguen a entorgar coa Terra e cos que nos precederon».

Xosé Benito Reza

(Ex-director xeral de Conservación da Natureza )

http://www.lavozdegalicia.es/opinion/2010/10/05/0003_8764692.ht

0 comentarios