Cinéfilo!
Prezado:
Hoxe lembreime de ti.
Xa ves, unha tarde calquera de agosto, un dos centos de canles de televisión, e unha película que envellece francamente ben : “The french lieutenant’s woman” (1981) traducida o castelán como: “La mujer del teniente francés”.
Naturalmente o recordo non foi casual : Ollar como eran Jeremy Irons e Meryl Streep hai trinta anos, dálle moito máis valor a túa cinefilia e constante admiración , por estes dous grandes actores.
O filme, contemplado hoxe - ainda coas malditas eivas televisivas : xa sabes imposibilidade de ver a versión orixinal con subtítulos... interrupcións repentinas para botar ¡oito! minutos de lixo publicitario - , é unha xoia - de múltiples labirintos que, no seu dia, eu non fun quen de detectar... (e que agora tanto me enchen, como cinéfilo irredento! )....
Primeiro: Orixinalidade: O xogo de espellos: cine dentro do cine! Temos que estar moi atentos para darnos conta que asistimos a rodaxe dunha película de época. O guionista, Harold Pinter mestura, con habelencia, o folletín decimonónico co romance (ou obsesión de Mike?) dos dous actores protagonistas, Ana e Mike, en tempo real. Está tan ben ideado que se alguén chega a película un segundo tarde, sorpréndese de ver – o cabo duns minutos - unha habitación, unha parella, un pitillo, unha chamada de teléfono... “Ana, podes vir a maquillaxe?”... Máis, en realidade, a cinta é un folletín romántico, tan ben feito!
Segundo - Folletín: Na súa mellor expresión! John Fowles (1926 -2005) publicou en 1969, a novela que da pé a toda a intriga. A historia das peripecias e desventuras de Sara Woodruff (esa costureira de Lyme, marcada por querer a un tenente francés...) O folletín romántico tiña (ten) esas cousas :− A desgraza, feminina (incomprensión , social) da protagonista Sara, muller; a comunidade sempre a ollará con sospeita: “que fai, tódolos dias, no peirao? “− O egoísmo, masculino (trepar na sociedade, o matrimonio de comenencia de Charles coa herdeira duns asteleiros ...)− As paisaxes, as vilas: agrestes, salvaxes, escuras: mar, vento, pouca luz...− A ameaza da clase baixa: boa e inxenua ata que lle tocan as súas aspiracións (os veciños, os criados, secundarios... pero unha ameaza latente..saben cousas, e loitarán para favorecer os seus intereses )− A verbalidade: Todo se soluciona, ou se complica, falando ! (“ fúcheste sen avisar!” - non queria danarte! ”...)
Terceiro. Solución: Karel Reisz fai unha película memorable. O relato filmico está baseado na vida de Sara. Unha heroina que se namora, loita, pelexa, engana, entrégase, desaparece, aparece, e que ten un talento especial para o debuxo...Máis, o seu redor, o folletín vai ceibando ambientes da época vitoriana. A inquina contra Darwin, ese tolo coa súa extravagante teoria da evolución das espcies... A dureza brutal do sistema (ese contrato de matrimonio, incumprido, con Ernestina). A hipocresía da sociedade (ese mundo de apariencias e convencións).
Cuarto. Calidade: Velaí o asombroso! Que os británicos sexan capaces de embarcarse, en 1980, nunha producción chea de estereotipos ... e que teñan éxito, convídanos a reflexionar nesa calidade no traballo, que trascende. É unha película de época, sí, pero moi ben trasladada ó presente, sen escatimar medios: actores, rodaxe en exteriores, vestiario e caracterización críbles... e unha música de Carl Davis insuperable ... - como me gustan os violins !
Quinto. Complicidade: O remate da película (non o do folletín, coidado! ) é unha antoloxía do excelente uso dos mecanismos sicolóxicos, para manter atrapados - hoxe – aos espectadores... e abofé que o consiguen. (Qué final !).....
En fin, prezado, noraboa pola túa cinefilia, tan contaxiosa!
Polo San Roque do 2012
0 comentarios