Blogia
Antón da Sobreira

ASSECONIA

Onte estiven en Asseconia !

Foi grazas o entusiasmo de Margariña , que nos levou a todos a unha viaxe marabillosa.

Todos, en realidade, eramos unha ducia (a cifra máxima autorizada para esta excursión).

Cóntovos: Viaxar a Asseconia non é doado.

En realidade, non está o alcance do común dos mortais...

a) So hai unha única saída, as catro da tarde, de luns a venres, para doce persoas, máximo !

b) Non se viaxa en sábados, domingos, festivos ( ou vésperas )

c) Non podes tirar fotos, nin videos...e hai certas incomodidades físicas.....

d) Así que, imaxinade con canta antelación hai que reservar !

e) A cegas : reservas e pagas  con outros nomes, digamos máis convencionais...

Por iso ten tanto mérito Margariña, a guia que, onte, estaba de garda e que que nos trasladou,  coa súa sabedoría, chea de emoción, a Asseconia :

Unha mansio (parada) que aló polo século III d.c. , formaba parte da XIX Vía Romana ; aquela  que comunicaba “Bracara” (Braga) e “Asturica” (Astorga).

Así foi como empezou a contarnos, conmovida, a historia daqueles restos arqueolóxicos que estaban soterrados na Catedral de Santiago...

Excavacións, catacumbas, sartegos.... eran os nomes convencionais que aparecen nos folletos, nas reservas, na web do arzobispado.

Máis nós, afortunada ducia de mortais, entramos a Asseconia polo brazo do cruceiro de Praterias, en fila india, guiados por Margariña, sempre convincente!...

E alí quedamos, de pé, todos xuntos, abraiados diante da mansio que ela nos mostraba, coa súa descripción demorada, culta e apasionada...

Onde nós víamos catro pedras acomodadas, ela ensinounos unha tumba sinxela, de xente corrente.

Onde nos ollábamos un curioso balado, ela mostrounos a acequia interior por onde corría a  auga...

Logo levounos, paseniño, pola nave central, cara o Pórtico... (pensaba eu)

Máis non..!

Estabamos diante da cara oeste da muralla  primixenia...

“Ollade esta formación de esquistos  no balado, tan ben conservada, aínda...”

“Fixádevos no foxo central...é un pozo de auga, naquel tempo tan valiosa!“

.....

E de seguido, enfiaba unha cumprida explicación da función da muralla, ou da eficacia organizativa no reparto da auga...

E ti sentías que formabas parte daquela comunidade romana, perdida nun cruce de camiños – a valia de Asseconia era a súa estratéxica situación: alí chegaba a vía marítima de Iria Flavia, por exemplo.... e dalí saían, entre outros, os camiños cara a Brigantium, ou Finisterrae...

...

Así que cando apareceu a necrópole – na planta central da Catedral, moi perto do sepulcro apóstolico - e vimos os diferentes sartegos de pedra (que ela se esforzou, pacientemente, en distinguir por época e civilizacións; non é o mesmo a tumba sueva que a romana, ou a medieval ), eu xa me propuxera - fascinado -

1) Saber máis de celtas, suevos, romanos, sarcófagos, exhumacións, laxas, foxos....

2) Voltar a San Paio de Antealtares, e alí pescudar porqué unha ara romana, que falaba da rapaza Viria, neta de Atia, e que formaba parte imprescindible do Mausoleo “Arcis Marmoricis” - século II -  fora  manipulada e modificada no século XVII

3) Compartir e difundir  a existencia de Asseconia.

O entusiasmo de Margariña contaxioume!

Pensade: quen pode viaxar a un  pasado tan valioso, desde un  presente tan destemido?

Esto que comparto ocorreu no mes nono, do século vinteun, en Asseconia (hoxe Compostela).

 

Antón da Sobreira

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

0 comentarios

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres