Mouro
Benqueridos amigos:
I
Faleivos do meu amigo Iván?
É o autor do blogue "A Fraga dos Mouros". Un dos documentos máis valiosos, sempre en permanente actualización, sobre a nosa historia galega.
E non esaxero!
(Cando volo conte, concordaredes comigo)
II
Como teño a fortuna de gozar da súa amizade, sei algo- e matino no que non alcanzo- do seu método de traballo :
O rapaz- aínda sen chegar os trinta - estende o atlas de Galicia na mesa, sinala un punto remoto -poñamos Nuveira, Castromao, Melón, por dicir os últimos visitados - e colle a cámara, desprázase, párase, observa, camiña, pregunta –aínda en soidade-, tira fotos....e cando volta, arquiva, dilixentemente, as vivencias da viaxe na súa computadora.
Nestes tempos dixitais, onde todo é instantáneo, efémero, banal ... (Malia as vantaxes e valías da “rede”, escrébese e razóase moito menos que antes ; hai unha rutina egocéntrica, que favorece o autismo social: autorretratos si...valorar aos demais, non !)...o traballo deste Mouro destaca, xustamente, por practicar as virtudes contrarias.
III
1) Ausencia de preguiza: Iván nunca se achanta. Se toma a decisión de viaxar o Courel, en outono, viaxará en outono –chova, neve, ou estean cortadas as pistas.
2) Afán de coñecemento : Coma bo mouro, ten unha teima...os “tesouros” megalíticos e castrexos...Ollade o blogue !. Cantas postas en valor, e mesmo descubrimentos ! -lede outra vez a entrada (11.03.14) do Dolmen de Leira de Rapada, achado de Vilatán.
3) Constancia, disciplina, xenerosidade : Virtudes fundamentais para agasallarnos –regularmente - con capítulos únicos da historia deste curruncho galego...
(Constancia nos obxectivos –coñecer e e divulgar-; disciplina no traballo técnico –organizar imaxes e textos – ; xenerosidade para compartir e difundir, enriquecendo o noso espírito...).
IV
Con estas referencias, imaxinade ó noso Mouro no seu apartamento dos Pelamios:
a) Rodeado de papeis, notas, revistas, libros.... (Esas citas literarias, iluminando cada entrada : Cesáreo Sánchez, María Lado, Anxo Angueira, Luz Pozo...non están na computadora!)
b)Pescudando no PC, co talento dos autodidactas:
Xa vedes: unha presentación orixinal e atractiva.
As máximas facilidades para “navegar”: podemos seguilo cronoloxicamente, por entradas, e tamén por categorías, ou temas: xentes, castros, petroglifos , ríos e fervenzas...qué fermoso !
( e, qué doado para os que xa temos unha idade!)
V
Así que, prezados amigos, despois de ler esa xoia chamada “Xentes de Compostela “
(08.08.14) souben que non debía seguir calado:
Hai (mozos) galeguistas desprendidos, bos e xenerosos...
Este é un deles: chámase Iván Fraga.
É o meu (amigo) historiador, contemporáneo, favorito ...
Antón da Sobreira
No día de San Bernardo, 2014
0 comentarios