Blogia

Antón da Sobreira

AS MIÑAS ÁRBORES-VI

Estimado Miguel:

A túa sensibilidade, fascinada pola eclosión primaveral, dame pé para falarche desas dúas especies que te asombran no miragre anual da renovación da vida vexetal.

Nestes tempos, a Botánica -tamén- forma parte dun proxecto global de cambio estético nas vilas e cidades. Dicíame o decorador dun hotel compostelán, que nós proxectos de construcción de hoteis ( e parques, paseos, etc. engado eu) xa se lles pide o diseño do xardín central, ou traseiro, ou complementario.... Comentaba que eles (decoradores) baseánse no impacto visual (floración, mestura, colores...) e na adecuación das árbores (ou prantas) coas esixencias mercantiles.

Así que, por iso, eu vouche falar do que nunca aparecerá nos proxectos decorativos; desas características, desas anécdotas, que fan ás árbores máis atractivas (penso eu).

Por exemplo dúas especies que tí, minimamente preocupado polo que te rodea, ollas asombrado nestes días de Abril.

A árbore na que agroman as follas mais verdes é un bidueiro. Tamén chamado abidueira. (En castelán: abedul).

En Galicia é moi abundante. De feito é unha especie endémica da Península Ibérica. O seu nome científico é “Bétula celtibérica Roth.”. A partir desa especie orixinal, fixéronse moitos híbridos e mesturas, como é o caso da “Bétula péndula Roth” que aparece a beira de rúas, camiños e paseos... 

Ó atractivo da árbore, escomenza polo nome: Bétula, procede do celta betu (árbore).

(Algún día falaremos do galego, grandioso!, nomeando en femenino a maoiría das árbores....a terra nai, a natureza, nai de tóda-las cousas...qué sabios eran os nosos antepasados!).

A abidueira ten una cortiza interna, fina e transparente, que antigamente se usaba para escribir.

En latín esa cortiza recibía o nome de librum.

Entendes agora de onde ven o nome de libro?.

Non é fascinante?.

Naturalmente a árbore ten -tamén- unhas grandes propiedades medicinais:A súa saiva utilízase contra as inflamacions renais e da vexiga, e ten unha cualificada acción diurética, ó igual que o cocemento das suas follas ca saiva.

No norte de Europa (en Finlandia sobre todo) fermentan a saiva, obtendo unha cervexa moi apreciada...nesa cultura do alcohol, mesturan tamén a saiva coas uvas, obtendo un viño gorentoso e habitual nas poblacions rurais finesas....

Por suposto a madeira é moi utilizada.

Pódeslle preguntar ó teu pai de que eran as zocas habituais na nosa xente, os xugos....a abidueira sempre omnipresente.

A cortiza é rica en betulina (antibiótico), e usábase como impermeable nas chozas e pallozas...Remato contándoche que nós meus tempos infantís (xa choveu dende aquela!!)  os mestres chamábanlle  “ a árbore da sabiduría”: coas poliñas mais flexibles facían as varas para zorregarnos cando non sabíamos a lección....supoño que na túa infancia xa non habería estas varas tan “pedagóxicas”, ou sí?...

Da segunda árbore, o que mais me cautivou, foi a súa lenda.

Falo do “Salix Babylonica L.” . (Salgueiro chorón: -sauce llorón- en castelán)

Efectivamente súas follas son dun verdor mais crariño. Influidas sen dúbida polos pigmentos marelos, tan característicos desta árbore (sabes que é, por así decilo, o irmá maior da vimbieira, dos vimbios tan habituais na nosa terra -“salix vimialis”-.

A lenda dí que Linneo, o gran naturalista que primeiro clasificou as árbores, deulle este nome en recordo do pobo hebreo. Segundo os salmos,o pobo hebreo choraba  o seu desterro en Babilonia ás marxes do Éufrates e penduraba os seus instrumentos musicais nos salgueiros. Aínda así a orixe desta árbore non é Babilonia, senón Asia Central.

A Europa chegou, con seguridade, en 1730 (Así consta nos arquivos do Xardín Botánico de Londres, plantada por Lord Vernon).

Igoal que tódalas do seu xénero ten unha grande propiedade medicinal: Contén na súa cortiza, salicina, da cal se obtén o ácido acetil-salicídico. Sí! ( ¡ a aspirina que tantas vidas leva salvado! ).

Sen chamarlle aspirina, nós tempos antergos xa coñecían estan propiedade tan curativa.

Os sanadores, chamanes, bruxos, sacerdotes, compostores, etc. maceraban a cortiza do salgueiro chorón con vinagre e usábana como analxésico.. facían miragres!.

Ben, Miguel, non podo rematar sin falar tamén das cualidades conxénitas de ámba-las dúas especies, que se repitirán ano tras ano, eternamente, para gozo dós que- coma tí e coma mín- asombránse cada vez que chega a primavera:

Tanto o salgueiro chorón como a abidueira son de folla caduca.

Cada ano renóvanse, no ciclo das catro estacions, trá-lo proceso reproductor, que tamén existe: a abidueira é monoica: súas flores son unisexuais: ben masculinas, ben femininas, dispostas sobre o mesmo individuo ( unha árbore).

O salgueiro chorón é dioico: as flores, ben femininas, ben masculinas, están dispostas en individuos diferentes (dúas árbores).

Non é sabia esta Natureza ?.

Non é maravilloso saber que cada árbore ten unha historia, unha vida, sempre fiel co ser humán?.

En fin, prezado amigo, disfruta destas compañeiras que nada piden e moito ofrecen.:  ¡As nosas árbores!

Unha aperta, na primavera compostelán do 2004
 

Antón da Sobreira.
 

O PASEO DOS ÉRBEDOS

Quero felicitar á nosa Universidade polo precioso paseo dos érbedos que fixo no Campus Sur.

Xusto detrás da Residencia Monte da Condesa (lado oeste) hai un paseíño que da gloria disfruta-lo sobre todo nestes pasados días, que tivemos o “verán de San Martiño”...

En pouco máis de 40 metros situaron a cada lado do camiño unha combinación perfecta de érbedos e teixos (alternándose).

Tanto o “arbutus unedo”(o famoso madroño do escudo madrileño) como o “taxus baccata v.fastigiata” (teixo irlandés) son de folla perenne, polo que as 16 parellas alí situadas están sempre mostrando as súas dúas diferentes cores verdes.

¡Un magnífico contraste!

Pero o chegar esta época, o érbedo cárgase de  morodos totalmente encarnados, xa maduriños, listos para comer, ou para facer licor,  marmeladas... 

É unha fermosura contemplar agora o froito das flores do ano pasado e, no mesmo exemplar, ve-las  flores que darán froito o ano que vén....!.Poucas árbores teñen esta característica tan excepcional!.

Así que coa felicitación a Universidade, a miña recomendación ós veciños e residentes de que disfruten deste Paseo dos Érbedos. ¡Paga a pena!
 

Antón da Sobreira
Novembro 2003
Santiago
 

AS MIÑAS ÁRBORES: FAIAS (4ª PARTE)

¡Qué triste quedou a Praza Roxa sen as árbores!

¿Vístes?

É todo cemento, coches,  edificios altos, ruido... ...en fin, agardaremos pola reurbanización, da que non temos nin proxecto, nin prazos, só o compromiso do Concello diciendo que o aparcadoiro mellorará positivamente todo  o contorno do Ensanche.

Así que,  como vivo nesta zona, collín e fun a Praza de Vigo, onde están agora os amigos da Asociación de Veciños Raigame, que tan xentilmente me piden estas miñas colaboracions.

Alí queda o último reducto arbóreo do Ensanche,  e alí  séntome,  as veces, baixo a sombra das FAIAS.

Hai un grupiño de FAIAS  (FAGUS SYLVATICA V. PURPÚREA) xusto frente o edificio de  San Luis.

Son inconfudibles co seu toro dereito, esvelto, limpo; as suas ramiñas (abondosas)  facendo copa cónica, as follas nervudas, cortas, co borde ondulado.

Aquelas son ornamentais, pois a variedade púrpura é moi vistosa; por iso non soen dar froito (os faiucos);

Se queredes ver (e comer, pois son comestibeis) os faiucos, ide, aló por outubro, o único faial que temos na cidade: está detrás da piscina municipal, no Campus;

Alí hai uns fermosos exemplares de faia que chaman a atención polas suas dimensions e que sempre cargan de froito; é todo un espectáculo ollalo durante o verán ( a colocación horizontal das abondosas follas fan unha pantalla tan tupida  que apenas pasa a luz do sol; nótase o cambio o entrar e o salir do faiedo).

Ë unha árbore moi resistente o frío, de crecimento lento.

A madeira é moi boa e apreciada en carpintería,  ebanistería e para parqué.

Antes, teño oído que se combatía a tuberculose (tisis) coa brea que se lle extraía as toradas de faias.

A leña ten gran poder calorífico ( xa sabedes que moito carbón asturiano procede de faias antiquísimas; Asturias sí ten moitos faiedos, Galicia apenas en Pedrafita e no Courel)

E por último non esquezades que posiblemente o nome da Porta Faxeira, sexa unha derivación idiomática  dun primitivo faiedo (bosque ou zona de faias).

En fin, xa tedes outro pequeno percorrido: o camiño das faias; da Praza de Vigo o Campus Universitario.

¡A disfrutar da camiñata, amigos!.
Ata sempre.

             Antón da Sobreira

AS MIÑAS ÁRBORES: EXOTICAS NA PRAZA ROXA

Ola amigos!

Tal e como vos prometín na anterior, hoxe vou falar de duas árbores,para mín, do mais fermoso e chamativo. E que teñen en común, amén de desaparecer ca piqueta que furará a Praza Roxa( agora parece que xa non importa que haxa unha corrente de auga soterrada), a sua orixe en lonxanos lugares.

Escomenzo pola Araucaria bidwillii Hook.

Atópase o único exemplar desta especie moi perto da Rúa; pechando o lado leste da Praza o seu verdor intenso, inconfundible e perenne, rube cara o ceo,ergueitas as suas pólas; fixádevos ben, pois é unha característica excecpcional ver, a un tempo, o xeito de medrar as pólas....as mais noviñas case verticais cara arriba; as medianas: en horizontal, extendéndose  coma brazos abertos. As mais vellas: caendo suavemente cara abaixo....estando case todo o toro cuberto de pólas por ser un exemplar aínda novo (chegan a vivir moitos de anos, menos ésta,claro)

É natural de Australia, onde os aborixes chámanlle “bunya”, algo así como árbore alta, pois chega a acada-los 50 metros de altura e os 2,50m. de diámetro.

Do mesmo xeito que as outras araucarias  semellantes( araucana, angustifolia, heterophylla) a súa semente fermentada produce un augardente, que alí chaman “muday” e tamén a utilizan para facer fariña, sopas,etc.

Aproveitan a madeira,descortezada, que se deixa tornear ben, facendo mobles, postes, puntales...

Podedes tocala e acariñala; as  follas puntiagudas e retortas non fan dano nin pinchan....Se queredes comparala  cunha irmá, ide a Bonaval: alí no medio de alciprestes está outro exemplar; son os dous que eu coñezo e que visito de vez en cando para recrearme no seu verdor, tan atractivo, e para ve-los progresos no seu camiño dereito cara as nubes....paga a pena e non cansa!!

Para falar da segunda e derradeira árbore do artigo de hoxe direivos que escomenza a aparecer nos xornais como  “árbore da vida”...polas plantacions simbólicas de exemplares, por parte de nenos(día do medio ambiente) ou de mulleres( día internacional da muller)

Está moi ben esta denominación  pois ademais ten duas xustificacións moi traídas o caso:

É unha especie que se pode considerar un fósil vivente, pois está emparentado directamente con especies que viviron hai cen millons de anos!!!!-unha vida excepcionamente longa que chega ata hoxe-

A outra acepción corresponde o seu carácter sanador; como remedio variado para moitas e perigosas enfermidades....hoxe están descubrindo que é bastante eficaz no tratamento e prevención de: anxina de peito; arterioesclerosis; embolias; depresión; falta de memoria (alzheimer)....co que isto supón no alongamento de vida para as persoas. (En Alemania, é a pranta mediciñal mais vendida dende hai dous anos)

Efectivamente, falo do  Ginkgo biloba, tamén chamado árbore dos corenta escudos; o seu nome procede do chino Ging-kyo(árbore sen folla en inverno) e biloba ós dous lóbulos das follas-con forma de abano e nerviación case paralela, que non se cruza-.

O exemplar da Praza Roxa está o pé do bidueiro e perto do magnolio grande.

É inconfundible pois é o mais alto de todos. E un exemplar novo, masculino (adoítase non poñer-los exemplares femininos nos paseos e parques pola sua semente: tan boa para a mediciña e non tanto para os paseantes e curiosos; o pisa-la ou ó fermentar, produce un cheiro acedo coma cando a manteiga se pon rancia, lembrades?. Mirade tamén como as súas poliñas en lugar de extenderse en horizontal-como fan na pranta feminina- medran cara arriba, casi paralelas o toro, facendo unha gallada(ou unha V aberta).

Afortunadamente en Santiago temos fermosos exemplares que destacan pola sua copa elegante e chamativa neste tempo de verán: unha parella no xardín de Fonseca-frente a Correos- tres exemplares no Estanque do Campus- dous no paseo central da Alameda-pertiño da fonte de mármore branca.....( No outono, hai que facer esta Ruta: observar-las folliñas como se poñen dunha cor marela dourada, tan delicada, e tan propia desa estación melancólica....é unha regalía para ó espiritu!!.

Por iso da mágoa que fagan desaparecer este exemplar , en lugar de traerlle unha parella que sería o mais axeitado.

Bueno, amigos, rematar dicindo que  é unha árbore sagrada para chinos e xaponeses; a Europa chegou por medio do botánico holandés Kaempfer, en 1727...e  no sur da China hai bosques naturales desta especie tan excepcional.

Se dempois de pasear pola cidade percorrendo a ruta do Gikgo, queredes parar nalgunha herboristería ou farmacia....alí veredes as distintas presentacións que se fan:

-polvo de follas ; extracto fluido; extracto seco; solución non alcohólica; tisana....con todo, non vos mediquedes sin falar co voso medico!!!!.

Gracias  a Raigame, e tamén O Pichel. Ata sempre.

 
               Antón da Sobreira

AS MIÑAS ÁRBORES: CARREIRA DO CONDE (2ª PARTE)

Moitas gracias ós amigos de Raigame, por brindarme novamente as páxinas da revista “Ó Pichel” para falar un pouco das nosas árbores.

Neste 2º e derradeiro artigo sobre as plantas que desaparecerán de Carreira do Conde falaremos das palmeiras (Phoenix Canariensis) tan esbeltas e bonitas e doutra plantiña autóctona que milleiros de galegos coñecen, pois é das que tamén aprovéitaselle case todo:O sabugueiro (Sambucus  Nigra L.)

A palmeira canaria foi coñecida en 1840 por un botánico inglés que estudiaba a flora do arquipélago canario, de aí o seu nome. É unha árbore con tronco cilídrico que chega ata os 20 metros de altura. Nesta especie cultivada pódanselle as pólas, pero en condicións normais quédanlle presas no tronco.

A súa saiva é rica en azucre (faise un mel chamado lagmi de gusto parecido á horchata). Sen embargo o seu froito non é comestible.

Serán 7 exemplares exóticos e esbeltos os que desaparecerán desta rúa tan emblemática.

Hai outras especies de árbores máis na zona (tuias, abetos, setos...), pero gustaríame rematar falando do único exemplar de Sabugueiro que hai pegadiño á fonte.

O seu nome “Sambucus”  é latino derivado de Sambuca, un instrumento musical romano parecido a arpa, que se construía con madeira desta árbore. “Nigra”, negra pola cor dos seus froitos.

É orixinaria do norte de África e atópase por toda Galicia, habitando en lugares frescos e húmidos. É das plantas medicinais máis antigas. O seu zume calma a dor de cabeza. É moi bó paro os resfriados.

¿Acordadesvos  cando a nosa avóa aplicaba as follas secas do Sabugueiro para curar aquel corte que tanto sangraba?

¡Cántas estacas non temos feito coa súa madeira!

¡Cántas frautas non temos feito coas súas poliñas!

Entereime tamén que a súa médula utilízase en microscopia para preparar seccións de pequeno grosor.

Sabía, porque o teño visto na aldea, que os seus froitos serven para colorear o viño... pero quedei abraiado cando vin licor de Sambuco embotellado á venda nun centro comercial santiagués: era unha botella preciosa feita en Italia... Cada vez que paso diante do Sabugueiro prométome que ei mercar unha; ¡ten que ser delicioso!

Nada máis polo de agora. Parece que o Concello quere que siga a escribir sobre as árbores que eles fan desaparecer coa súa política de aparcamentos sobre toda a cidade: acabo de enterarme que queren furar a Praza Roxa... Así que si mo permitides, no vindeiro número do Pichel, falareivos de dúas árbores excepcionais que tamén desaparecerán e que forman parte da paisaxe desta Praza.

Ata daquela,moitas gracias por escoitarme.

 

     ANTON  DA  SOBREIRA

AS MIÑAS ÁRBORES: CARREIRA DO CONDE (1ª PARTE)

Imos a situarnos no comenzo da Rapa da Folla. Alí onde está o semáforo.

Dirixímonos pola beirarrúa da gasoliñeira cara  o Campo da Estrela. Xusto ata rematar as escaleiras que nos baixan  ó cruce de Xeral Pardiñas ca Carrreira do Conde.

Preocupados polas noticias que escoitamos sobor da construcción dun aparcamento debaixo de Xoan Carlos I, queremos dar a coñecer  algunhas especies arbóreas de gran valor que alí se atopan.

Hoxe, aproveitando a xenerosidade de Raigame que me convidou a colaborar na revista O Pichel, falareilles das duas especies que bordean esa beirarrúa por onde iniciamos o paseo:

1)As ulmeiras(ulmus campestris)

2)As acacias(robinia pseudoacacia)

        ......................................................................

1)As ulmeiras(ulmus campestris)

Eu contei 20 exemplares de ulmeiras.

Esta árbore aparecía en moitas vilas como planta de paseo e parques.E lóxico,pois a sua beleza-tronco longo e groso,copa ancha,redondeada-une a sua gran capacidade de resistencia a contaminación,así como a facilidade para fixar ó chan, coas suas raices profundas.

As ulmeiras xa só quedan naturalizadas, en Galicia, na provincia de Ourense..

Como moitas outras árbores,dende antiguo a sua madeira foi moi apreciada na construcción e carpintería;Nas casas usaban as follas cocidas, contra ó reuma e contra a diarrea...

Istes 20 exemplares son dos poucos sobreviventes a grafiose-a praga, provocada por un fungo e transmitida por un coleóptero, que dende a primeira guerra mundial-1914/18-

fixo estragos nas ulmáceas.

Os primeiros exemplares de ulmeiras e acacias desta beirarrúa foron plantados cara ó ano 1930,cando se proxectaron os estanques arredor da estatua de Méndez Nuñez.

                          ..........................................................................

 

2)As acacias(robinia pseudoacacia) 

De acacias contei 15 exemplares.

Vou a reproducir parte do texto que a esta especie lle adicaron no seu libro: A Alameda, xardín pacego de Santiago, os profesores S.Ortiz, J.Izco, J.Rodriguez Oubiña, editado polo Concello de Santiago en 1986.

Aproveito para pedir a reedición actualizada desta obriña tan completa, que tanto nos fixo coñecer e querer as especies vexetales.

O texto adicado as acacias(Robinia pseudoacacia L.) sempre me fascinou pola sua compoñente histórica (Ese herborista Jean Robin, descubríndoa no Canadá-1601- enviándoa a Corte Real de Enrique IV; seu fillo plantando un exemplar no Museo das Plantas en 1635;exemplar que 150 anos dempois acadou os 20 metros de altura)

A outra fascinación veu dada pola compoñente diaria e práctica que a xente sempre tirou desta planta:

“.....as suas froles, que nacen en racimos pendurantes, brancas, de ulido e sabor agradabble son comestibles e coñécense popularmente coma “pan de queixo” e consúmense como recheo de filloas. Antiguamente preparábase con elas unha auga destilada á que se lle supuñan propiedades antihistéricas  e antiespasmódicas; visitadas polas abellas producen un mel de regular calidade. As follas serven de alimentación complementaria ó gando.

A súa madeira é de cor pardo-dourada ou vermelliza,dura como a do freixo,pesada e elástica pero esgázase con facilidade. Así e todo amosa unha gran resistencia á presión vertical. Utilízase para esteos, entaboados, mobles taraceados, duelas, útiles caseiros, etc...”

E polo de hoxe,mais nada; apoio o sentir popular dos veciños de Carreira do Conde, de Raigame e de tódala xente con sensibilidade solicitando, a quen proceda, que se respeten as árbores desta zona.!!! Calquera delas vale tanto como ó mellor dos coches que se vaia aparcar alí!!

No título puxen  I pois agardo poder falarvos de algunha favorita mais....

Agardo que o Pichel reciba  tamén as vosas ideas, preguntas, suxerencias, etc.

Ata a próxima.

Antón da Sobreira
Santiago de Compostela

O MEU RÍO

Prezados amigos do Pichel:

Permitídeme que hoxe non  vos fale das miñas árbores favoritas -tal como viña facendo ata agora, convidado pola xenerosidade da xente de Raigame-, senón que vos conte algo do meu Río, para dar a coñecer así, publicamente, unha ameaza que pode ser terrible para o futuro dese meu (noso) Río e o seu entorno único e excepcional...

Cavafis dicía que a patria é a infancia: así que a miña infancia, xa tan lonxana!, é o río que bañaba a aldea onde nacín.

A miña patria é o río Eume.

Meu bisavó contábame moitas veces a historia do Eume, que eu escoitaba pasmado, namentras tratábamos de  pesca-los reos, naquelas mañanciñas de maio que nunca esquecerei,,,

 Na Serra do Xistral naceron cinco irmáns: chamábanse Eume, Sor, Masma, Landro e Ouro.

Súa nai explicoulles cal era o mellor camiño para chegar ata seu pai, o Mar.

Eume, o máis grande, era un preguizeiro e quedouse durmido pola Terra Chá.

Cando acordou, perdera de vista ós seus catro irmans. Entón falou co tío Sol, preguntándolle cal era o camiño para ir ó  Mar.

O vello Sol díxolle que ía a durmir, e que se quería, que o seguise, pois sempre se deitaba no Mar...Así que Eume botou a correr polo camiño mais curto: deixou as chairas,  meteuse por canóns, angosturas, desfiladeiros; percorreu vales, outeiros, fragas e sementou xunqueiras...ata que, cara o Oeste, atopou ó Mar: Era o Atlántico.

-Gracias, tío Sol !-

-Non me abonda- dixo o vello Sol-.

-Por esta axuda, hasme de pagar unha renda toda a túa vida-.

-E cal?-

-Unha vez ó ano, antes dun solsticio, dasme o máis valioso  que teñas-

 

E así foi como, cada primaveira, evitando sempre o 21 de xuño, o Eume cobraba a vida dun pescador.

 Era o tributo que debía render pola súa preguiza, que lle fixo  perde-lo roteiro máis curto cara ó Cantábrico....

Xa sabedes, logo, benqueridos veciños, cal foi a pegada deixada polo Eume, neses brincos presurosos, camiño da fermosa ría de Pontedeume...

As fragas...

Cando decimos as fragas, referímonos  a ese tipo de  bosques atlánticos caducifolios, cada vez mais escasos: carballeiras, ameneirais, bidueirais, soutos,freixedos... acompañados por familias arbustivas e de monte baixo como  acivros, espiños, loureiros, érbedos, toxos, uces, xestas...

A Fraga: esa espesura, esa mistura umbría, sempre fresca, húmida, chea de vida, distinta, variada, máxica...

 Segundo a Xunta, que as declarou Parque Natural Protexido en 1997, as Fragas do Eume son 9.125 ha. (multiplicade por 10.000 e teredes máis de 91 millons de m2).

 Precisamente unha das razons fundamentais desa imprescindible protección oficial, foi a presenza  de centos de especies- entre botánicas e faunísticas- de incalculable valor, por ser endémicas desta paisaxe: Dende os mais cativos e miudos liques e fungos, ata fentos que son reliquias do Terciario: “Culcita macrocarpa”, “Vandenboschia speciosa”...ou herbas únicas dese microclima: “Deschampsia gallaecia”, “anemona albida”, “luzula silvatica”...

 E a fauna, tan diversa: Dende o gavián ata o pombo torcaz, pasando por mouchos, curuxas, bufo real,ferreiriños; e píntegas, rás, sapos, lagartixas, cobras; e toupos, ourizo cacho, esquíos, musgaños; e xenetas, londras, denosiñas, porco teixo...

 É unha fartura maravillosa que vos recomendo- vivamente- coñecer, pois ás graves ameazas que ata hoxe penduraban sobre a Fraga (xa imaxinades:  plantacions de especies foráneas, incendios, choiva ácida, apertura de pistas para talas de madeira....) agora, paréceme,  xorde a mais perigosa, pois é algo novidoso e que polo mesmo non ten unha valoración de experiencia previa.

A central térmica de Endesa, nas Pontes, esgotou o seu xacemento de lignito.

É un furado, a ceo aberto, impresionante:

-15 km. de perímetro (15.000 metros).
-811 Ha. de oco (máis de 8 millons de m2) 
-unha profundidade de 200 metros.

 Como se vai cubrir?. 

 Con auga.  A partires do ano 2007.       

Queren facer unha lagoa artificial, coa auga do Eume.

Os xornais, sempre tan reverenciosos co poder, falan marabillas, perdéndose no rebumbio das cifras chamativas, xa descritas, que tanto impresionan:

“ A mina das Pontes converterase nun lago maior que a cidade da Coruña!”
 “Unha canle de 6 km. conducirá a auga dende o Eume ata o cráter, a un ritmo de 120 hectómetros cúbicos anuais”

(multiplicade por 1.000.000 e teredes 120 millons de metros cúbicos...e se non vos mareades, voltade a facelo por 1.000, e teredes 120 mil millons de litros de auga roubados o Eume cada ano..!!)

Hai uns meses que a empresa presentou o proxecto, convidando  a expertos mundiais na recuperación de minas de carbón, pois nunca, ninguén fixo algo semellante, e, realmente, non se coñecen as consecuencias...

A Xunta, ou non sabe, ou da por bó este plan privado dunha Empresa,tristemente famosa en España por ocupa-lo primeiro (1º) lugar do escalafón nas emisións de:

dióxido de carbono (CO2),
óxido de azufre (SO2),
óxido de nitrógeno (NO2)

segundo os datos oficiais da Unión Europea.
(Rexistro Europeo de Emisions Contaminantes “EPER”)

Xentes da bisbarra, xeólogos, ecoloxistas...todos me dín do grave perigo dun experimento que pode acabar cun dos espazos senlleiros do noso continente.

As Fragas do Eume constituironse nese biosistema singular, debido a unha serie de interaccions ocurridas ao longo de miles de anos, guiadas, fundamentalmente, polos 80 km. de percorrido  do meu querido  Eume na procura do seu pai... Alterar  tan brutalmente ese caudal, mutilará drasticamente un paraíso natural, patrimonio de todos...    

Xa que deixou de paga-lo tributo anual do pescador, será que o preguiceiro Eume debe morrer, por ir cara ó ocaso, buscando ó Atlántico...?

Compostela, Abril  2005