Blogia

Antón da Sobreira

Jhony

Jhony

 ( relato ? )

 

I

 

    Coñezo a un home que foi músico.

    Agora é fontaneiro.

    Os venres, no lusco fusco, marcha para Esteiro -Muros -, e pasa a fin de semana pescando.

 

II

 

    Souben del , polo seu oficio.

    (con luces e sombras )

    Empecei a consideralo cando o vin desfilando de confrade -coa súa vela na zurda-

    na procesión    da   Quinta Angustia.

    ( nun deses domingos de semana santa en que Compostela detén o tempo e levita ).

 

III

 

 Foi nese mesmo ano, cando empezamos a falar e intimar.

 Atopámonos - xa era inverno - na Catedral 

 Penso que foi naquel intre cando el tamén me descubriu e valorou...

 Quizais foi a miña devoción artística pola S.A.M.I. a que lle axudou a percorrer -incansable-, a planta enteira...parándonos na capela do Salvador, diante da imaxe de María Madalena ( eran os días , ejem, do Código Davinci ) ou buscando, sen éxito, a tumba do insigne Domingos de Andrade, na capela do Descendemento...

  A miña fascinación era auténtica : viñeron algúns dos tiraboleiros para avisarnos de que era  hora de pechar

( lembrade o horario : de sete da maña, a nove da noite; tódolos días, o ano enteiro, de balde... )

 

IV

 

 Así que -imaxinade -, cando viña ó Polígono a buscar tubo e pezas inoxidábeis, para facer a fontanería da urbanización de Conxo - por exemplo -, había unha complicidade, un chiscalo ollo ... - non sempre podiamos falar –

( presas, outra xente...).

 El preguntábame pola miña afección relixiosa...

  Eu dicíalle que de relixiosa nada ! Que era histórica e artística !

 Logo,  inquiríalle sobre a cana de pescar que levaba na furgoneta...

 El contábame a ledicia da captura en Esteiro, sen presas, aló polo solpor...

sempre levas algo fresco para a cea !

 

V

 

 Neses azares misteriosos  ( que son o noso devir vital ),  ocorren cousas –sen nós sabelo - que nos levan sempre a maxia que enche o noso espírito.

 Pensade : que fai un tipo coma min, lendo a “folla parroquial”, da que sempre abominei ?

 ( Iso lévanos a carreiros inexplorados ; a bendita ledicia dos devoradores compulsivos de letras  - organizadas  en frases, oracións- /desde pequenos/ ...tebeos,

novelas de vaqueiros

Así que foi iso - a incapacidade  de tomar algo, sen ollar o xornal municipal -

E alí estaba , medio escondido nas novas locais...en castelán, of course !

 

 

VI

 

 “Vuelven los Potes”.

 

El mítico grupo compostelano, fundado por Baby, Kike, Jhony, Pichi e Ito, debutó el 31 de diciembre de 1965 en el restaurante Caracas de O Milladoiro.

El conjunto , con una media de edad de 16 años,  tenía una decena de canciones en su repertorio y su equipo musical estaba hecho con materiales de segunda mano.

Hoy, aquellos pioneros del pop santiagués, se reúnen en la sala  C.

Baby ( .....)

Kike ( ....)

Jhony (.... )

Pichi ( ....)

Ito ( ....)

volverán a recrear aquellas canciones de los 60 que llevaron por toda la provincia de  La Coruña, en verbenas, festivales y salas de fiestas como el  ChaChaClub , de Santiago, dónde tantas parejas se enamoraron con su música...

 

 

VII

 

Eu fiquei abraiado!

O meu fontaneiro pescador, amén de confrade, tamén  era músico !

... e dándome alí, onde máis doía, naqueles anos sesenta, que eu tiña tan mitificados ( espiritual e musicalmente ! )

....

Rematei o café e, con disimulo, roubei a páxina...que tesouro !

 

 

VIII

 

 

 Xa supoñedes a miña impaciencia diaria, agardando a súa visita  na procura de material inoxidable.

Aprendín nomes e datas do evento  musical ( non quería falarlle cun recorte diante...parecíame moi artificial )

 Eu quería potenciar esa confianza e incipiente amizade ( ese “feeling” de cousas comúns )

e matinaba nas cancións daquela época, lembrando os grupos pioneiros

-non sei porqué, pensaba que so estaban en Madrid , ou Barcelona – Brincos , Sirex , Miky y los Tonis, Pekenikes....

e custábame asimilar que en Compostela houbese rapaces que fosen  músicos “modernos” ...

Se aquí ( Galicia ) todo eran orquestras !

 

 

 

 

IX

 

 A música gustábame moito.

Ós catorce anos empecei a traballar de pinche nunha empresa de fontanería ( do que, logo, sería o meu sogro ).

Había tempo para ir o Conservatorio, xa sabes, nas Casas Reais.

Fixen tres anos.

Todos tiñamos coñecementos.

Sabíamos ler unha partitura!.

Eu penso que aí estivo a chave do éxito...Non o facíamos mal !

( Dígoche éxito, pois realmente estabamos moi solicitados...mesmo tivemos propostas para ir a Alemaña , e tocar- cun contrato garantido- as fins de semana! )

...

Aquí , en Santiago, tocábamos no CHACHA CLUB.

Era unha Sala de Festas que había, onde hoxe é o garaxe da Farmacia Holgueras, en Alfredo Brañas.

Sempre estaba cheo !

Tamén nos chamaban – como nos querían ! – da Coruña.

Era o Hotel Club LA HIPICA , onde hoxe está o Hotel  Finisterre...

...

Home, claro que foi marabilloso !.

Facíamos o que nos gustaba, e pagábannos !

...

Grazas a Luis - meu cuñado - tiñamos un equipo de música do melloriño : altofalantes, mesa, instrumentos...300.000 pesetas, a pagar sen intereses

- e descontado no primeiro ano ! –

....

As cancións eran daquel tempo. Novas.

Cantábamos as versións en castelán que facían os Brincos , Mustang, Sirex, Lone Star, Formula V...

Cando tocábamos en Coroso –Riveira, sempre facíamos bis con la plage”,  - unha francesa lenta, moi coñecida grazas ós Lone Star  - aqueles de “Mi calle”, “Lyla-

As italianas tamén eran habituais : eu aprendín italiano con io che non vivro senza di te...

Dos Creedence sempre saían un par delas :  Proud Mary”, “Wholl stop the rain...

A min , unha das   que máis me gustaba era a de “500 millas"-

 dos  Mustang:

“en el tren,  que se alejó...."

 

X

 

Contábame todo iso, namentras tomábamos algo no Gato Negro, ou no 42.

Eu, abraiado , escoitaba – e inquiría  impaciente - todo canto Jhony falaba con  naturalidade

( nunca con  presunción, nin fachenda ).

Era unha amizade consolidada : tazas , cancións, arte, Compostela, solpores, lembranzas míticas de sitios desaparecidos....

 

XI

 

Cando, en abril do 2011, vin a Jhony no nº 15 da lista eleitoral de CR 11 para o Concello de Santiago, non  fiquei abraiado....

Músico, fontaneiro, pescador, confrade...

 militante ?

Siiií !

Jhony  é persoa : fillo do seu tempo, home comprometido, coherente, con valores e principios elementais, baseados na propia dignidade

( enténdese, perfectamente, que renunciase a figurar, e gobernar, nos tempos convulsos da crise municipal

deste 2014 )

 

 

 

Epílogo

 

 

Agora -cando imprimo estas notas- Jhony é un avó feliz, que  pelexa comigo –de cando en vez- pra que lle dea as pezas inoxidábeis –mínimas -, ábreme as bolsas ho !,  para aquela  reforma caseira  puntual...

e que , marchando con presas, sempre se despide dicindo :

 

Temos que quedar, e falar....daquela música !

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

Mouro

 

Benqueridos amigos:

I


Faleivos do meu amigo  Iván?
É o autor do blogue "A Fraga dos Mouros"Un dos documentos máis valiosos, sempre en permanente actualización, sobre a nosa  historia galega.

 E non esaxero!

(Cando volo conte, concordaredes comigo)

 

II

Como teño a fortuna de gozar da súa amizade, sei algo- e matino no que non alcanzo- do seu método de traballo :

O rapaz- aínda sen chegar os trinta - estende o atlas de Galicia na mesa, sinala un punto remoto -poñamos Nuveira, Castromao, Melón, por dicir os últimos visitados - e colle a cámara, desprázase, párase, observa, camiña, pregunta –aínda en soidade-, tira fotos....e cando volta, arquiva, dilixentemente, as vivencias da viaxe na súa computadora.

Nestes tempos dixitais, onde todo é instantáneo, efémero, banal ... (Malia as vantaxes e valías da “rede”, escrébese e razóase moito menos que antes ; hai unha rutina egocéntrica, que favorece o autismo social: autorretratos si...valorar aos demais, non !)...o traballo  deste Mouro destaca, xustamente, por  practicar as virtudes contrarias.

 

III

1)  Ausencia de preguiza:  Iván  nunca se achanta. Se toma a decisión de viaxar o Courel, en outono, viaxará en outono –chova, neve, ou estean cortadas as pistas.

2) Afán de coñecemento : Coma bo mouro, ten unha teima...os “tesouros” megalíticos e castrexos...Ollade o blogue !. Cantas postas en valor, e mesmo descubrimentos !  -lede outra vez a entrada (11.03.14) do Dolmen de Leira de Rapada, achado de Vilatán.

3) Constancia, disciplina, xenerosidade : Virtudes fundamentais  para agasallarnos –regularmente - con capítulos únicos da historia deste curruncho galego...

(Constancia nos obxectivos –coñecer e e divulgar-; disciplina no traballo técnico –organizar imaxes e textos – ; xenerosidade para compartir e difundir, enriquecendo o noso espírito...).

 

IV

Con estas referencias, imaxinade ó noso Mouro no seu apartamento dos Pelamios:

a) Rodeado de papeis, notas, revistas, libros.... (Esas citas literarias, iluminando cada entrada :  Cesáreo Sánchez, María Lado, Anxo Angueira, Luz Pozo...non están na computadora!)

b)Pescudando  no PC, co talento dos autodidactas:

Xa vedes: unha presentación orixinal e atractiva.

As máximas facilidades para “navegar”:  podemos seguilo cronoloxicamente, por entradas, e tamén por categorías, ou temas: xentes, castros, petroglifos , ríos e fervenzas...qué fermoso !

( e, qué doado  para os que xa temos unha idade!)

 

V

Así que, prezados amigos, despois de ler esa xoia chamada “Xentes de Compostela “

(08.08.14) souben que non debía seguir calado:

 Hai (mozos) galeguistas desprendidos, bos e xenerosos...

Este é un deles: chámase Iván Fraga.

É o meu (amigo) historiador, contemporáneo, favorito ...

 

Antón da Sobreira

No día de San Bernardo,  2014 



Intre (in the moment)

 

I

A unha certa idade, un xa nin se plantea baixarse música, ou películas de internet. Naturalmente, por estar en contra de calquera roubo...!

pero tamén, pola preguiza que che invade, cando tes que  adquirir uns coñecementos rudimentarios para  levar a cabo unha acción, coa que nunca estás  a  gusto...

(somos tan maniáticos!)

e tamén - e o máis importante - porque mercar libros, discos, películas é unha actividade tan pracenteira, que é imposible deixala.

Un escoita, lee, atrapa un nome ó chou, e ponse mans a obra!

 

II

 

Ata hai pouco, eu compraba toda a música nunha tenda moi céntrica, que tiña de todo.

E se non o había, acadábano!

Ti chegabas co teu recorte, onde aparecía a ficha do disco : eles tomaban nota e en quince días, como moito, xa o tiñas.

Por suposto a clave, estaba no trato.

Nos rapaces que te escoitaban; xamais  se estrañaban das túas rarezas - case nunca levabas algo que estivese alí - e mesmo, nalgunha ocasión, aínda che pedían que lles contases que tal soaba..pois ten moi boa pinta”!...

O comercio pechou, e eu quedéime sen ninguén que me trouxese os encargos musicais.

Por pouco tempo!

III

 

Neses azares máxicos, que sempre te sorprenden cando menos o esperas ( por iso son azares) baixando por Tras de Salomé”, atopo -un sábado calquera- un novo escaparate con libros, dvd,s, cd,s...e unha cara coñecida que saúda tras dos cristais.

Foi grandioso! 

Miranda, un dos encargados da franquicia da Praza de Galicia, lembrábase de min- mesmo do nome! –e cóntame que, despois do peche,( tantos problemas!)  tiña moi claro que quería seguir en Santiago... e coa mesma profesión –que lle gustaba tanto -!

Levaba xa uns meses co comercio funcionando : tiña de todo, pero cunha certa diferenciación: Libros de editoriais alternativas, ou pouco coñecidas; case todo en galego; e logo, música, películas...tamén de calidade.

A tenda está moi ben aproveitada, e el quere que sexa  acolledora.

Ten sempre unha cafeteira cun café quentiño.

Busca proximidade, faladoiro, que te sintas a gusto...e, naturalmente, consígueche o que queiras...

Imaxinades?

No século XXI, nas pedras milenarias de Santiago, tes unha tenda - o pé da única igrexa adicada a nai do Apóstolo - que che ofrece cultura, calidade, conversa,...e  satisfai  todos os teus antollos....!

Todos ??

Siíí!

Aquí aparece a maxia!

(os azares son máxicos cando  ocorren cousas,  que van  dereitas o teu espírito, tan valiosas!)

 

IV

 

Foi a semana pasada , cando fun buscar un delicioso libro sobre tantos  tópicos –xa vos contarei -.

El estaba a colocar un cartaz concerto  no Teatro Principal de Santiago.

 

Ei!! Teño un disco deles!

Lembras? Compreino cando estabas na Praza de Galicia!

Cal ?

Home, son moi malo para os títulos, pero é un no que aparecen os dous na portada con cadanseu instrumento...unha xoia !.

 

E Miranda  fochicou na computadora, e logo foi o armario e sacou o  disco

 In the moment. 2007. Resistencia

 

E foi a máquina do café, e puxo dous.

 

V

 

E logo, no tocadiscos ( reprodutor  de cd’s?) empezaron  a soar, o violín de Alasdair Fraser e o violoncello de Natalie Haas.

E  namentres  eu lía, con deleite, a historia de cada canción nas tapas e no libriño interior –un disco primorosamente editado – ( imposible “piratear”! ), Miranda  recollía libros e revistas  da táboa  de cristal , acomodaba cuncas, e acercaba as cadeiras máis cómodas...para escoitar, compartir e falar das alfaias que soaban..só para nós!

.....

E concordamos na elección da canción nº 6 ( “John MacDonald’s”) para levala –se tivésemos que escoller  - a  unha illa deserta.

E falamos, abraiados, da beleza feminina que desprende o violín na nº 7, Miss Laura Risk, ou na  nº 9, Natalie Mariah...

E volvíamos  a Cuillin nights ( nº 5), a Between (nº 2 ) e xurábamos que, se algunha emisora de radio difundía Trip to Pakistan ( nº 10 ) era súper- vendas, xa!

....

Despois  encargueille:

 

a) o primeiro disco deste dúo ... “Fire & Grace”. 2004.

 (-en dez días, telo aquí !-)

E , of course!,

 b) a entrada para ese primeiro e único concerto en Compostela.

Imaxinade!

 

Hai cousas que só pasan unha vez na vida!

........

Xusto cando eu marchaba –matinando en “Highlander’s Farewell” , terceiro e último disco , motivo da xira – 

aínda alcancei a escoitar:

 

-Qué alegría!. La primera tienda de discos que encuentro, que no sea elcorteinglés!!

 

 

Impacto !

Impacto.

Sorpresa inesperada.

Nome e apelidos tan íntimos !

Lembranzas,recordos máxicos.

Días míticos –tan lonxe, durísimos! -

Inspiración poética.

Unha relación estable.

-centos de cartas: e aquela cabina telefónica, atascada !-

( Horas enteiras falando, por un peso !)

Canto valía ter a alguén, feminino, agardándote a mil douscentos kilómetros !

...

E hoxe, sorprendido, que fas ?

Matinas todo o dia..

 Logo, pola noite, vas correndo ós discos...!

Aparecen Noel Soto (Déborah); Eagles ( Hotel California ); Lone Star (Quiero besar otra vez tus labios) ; Leonardo Favio (Fuiste mía un verano ); Mina – Non Credere- Triana (En el lago )

....

Unha homenaxe, non ?.

......

Qué menos !

Decimos Rosalía

 

Decimos Rosalía

i alcéndese un espello

na noite largacía

 

Na noite ensimesmada

cai un orballo escuro

de auga lenta e calada.

 

De auga lenta de pranto:

os nosos ollos son fontes

de tanto chorar tanto

 

De tanto vao laído,

polas serras e vales

pasa un vento ferido.

 

Pasa un río entoldado,

que entóldou un tempo

de renuncia humildado.

 

De renuncia está feito

o puñal que levamos

espetado no peito.

 

Espetado en ringleiras

dos galegos que marchan

prás terras estranxeiras.

 

Decimos Rosalía

i o corazón da matria

sanga na noite fría

 Celso Emilio Ferreiro )

 

   

 

A Rosalía de Castro

( que naceu tal dia coma hoxe, hai  176 anos )

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

Ucronía

 

I

Hai moitos anos, Magnus von Lagerström  (1691-1759 ) percorría o mundo como representante da “Compañía Sueca das Indias Orientais”, unha empresa que comerciaba cos territorios orientais do planeta –cada vez máis coñecidos e valiosos-: China, India, Xapón...

  Gran afeccionado a botánica, un día  calquera do 1748 apareceu en Upssala cun exemplar arbóreo descoñecido  que atopara na China, pero que viu abondoso na India: era un arbusto con porte de árbore, coa casca lisa e fácil de arrincar, cunha tonalidade amarela -esbrancuxada, semellante ó cobre ; tiña follas, que logo caeron, cun verde brillante, vistoso… e as flores, en acios redondeados, cheas de estames que se transformaban en pétalos  formando dobres  xogos florais cunha cor rosada lucida  e atractiva… 

A elección de Upssala non foi casual: alí  estaba -na Universidade- Carl Linneo (1707-1778) o (grande) primeiro botánico da historia: o home que foi quén de sintetizar e crear a máis completa taxonomía clasificatoria do mundo vexetal - Systema Naturae, publicada no 1735 -... e que naquel 1748 era xa unha figura valorada,  respectada e admirada en todo o mundo ( século XVIII, século das luces!)

Atendendo ó seu parecido, na cor rosa das flores, coa Lila (syringo vulgaris) Magnus von Lagerström chamouno Lila das Indias…

E o catedrático Linneo, valorando o traballo e a valía de don Magnus, púxolle o nome do descubridor : Lagerstroemia indica….. denominación científica  que segue hoxendía, of course !!!

Nos libros e folletos botánicos, amén de Lila das Indias, o nome habitual é Árbore de Xúpiter

 (pero esa é outra historia!)

 

II

 

Exactamente cen anos antes desa escea en Upssala, o rei de España - Felipe IV -,  concedíalle a don Juan de Lemos -polos servizos prestados a Coroa española - o Condado de Amarante, Ferreira e Sober.

  Así que, despois de moitas desas mesturas nobiliarias, tan abondosas na península ibérica, chegamos ó ano 1780… en Compostela.

O Noveno conde de Amarante, Ferreira e Sober (Lugo),  era o Undécimo marqués de Camarasa (Lleida)  e chamábase  Domingo Gayoso de los Cobos, etc …(1735 -1803).

Don Domingo tiña cartos, propiedades e bo gusto...

Camiño dos cincuenta, namorado de Santiago, quixo facer aquí o seu Pazo máis senlleiro.
Aproveitando unha herdanza de casas vellas, que tiña na Algalia de Abaixo, contratou ó mellor arquitecto compostelá que, naquel intre , estaba disposto a expoñer , nunha obra civil, a moda imperante -xa sabedes-: o neoclasicismo; liñas rectas, trazas xeométricas (triángulos, pirámides, esferas, placas, prismas...)

López Freire, mestre de obras –tamén- do Concello de Santiago, fixo un pazo espectacular  e mesmo foi quén de deseñar un fastoso escudo  na fachada que, aínda hoxe,  causa admiración, representando ós Amarante e Camarasa, cos seus vencellos centenarios... Sarmiento, Meira, Mendoza, Arias, Gayoso, Cobos , Ozores , Bolaño...

Só por ver esta impoñente  mostra heráldica, paga a pena acercarse a Algalia.

 

III

 

Máis de douscentos anos despois  do remate desta obra extraordinaria , foron as novas relativas a apertura do xardín, ás que me levaron  - unha mañá  calquera, dun sábado outonal – ó Pazo de Amarante.

Os aparcadoiros de coches –  o edificio  pertence, hoxe,  a Xunta – ocupan case a metade do espazo.

E, nembargantes, hai unha beleza intrínseca  nese ferrado e medio  de xardín que me  recibe e acolle coma único visitante.

Choveu, escampou, non hai ninguén... e eu gozo neste espazo botánico ilustrado…

É doado contar os poucos exemplares que –estou seguro– superan os dous séculos de idade.

 

Nove  camelias  -camelia japónica-

Un  rododendro –rhododendon spp.-

Unha  figueira  ficus cárica- 

Un  magnolio -magnolia denudata-

Dous  loureiros –laurus nobilis–

.......

 

E, grandioso, presidindo o xardín o pé da fonte sen auga, o máis fermoso exemplar de árbore de Xúpiter, Lila das Indias, –Lagerstroemia indica-,  que vin na miña vida!

A idade deulle un porte excepcional, de árbore esvelto, altísimo, cun toro singular e unha copa redondeada, na que –aínda! - lucían  os acios das flores rosadas, tan elegantes...

De verdade, foi un impacto visual  fortísimo, que me permitiu viaxar no tempo: imaxinando como o Xardín de Amarante era o complemento ideal do Pazo; matinando nesa curiosidade e predisposición daquela xente, para acoller as novidades botánicas... (pensar que esta especie chegou a Europa no 1748, e que teño diante de min ao primeiro exemplar chegado a Galicia, corenta  anos despois... tan  vizoso e fermoso... produce esa vertixe cósmica, que moi poucas veces nos sacude, diante da inmensidade do que meditamos).

 

IV

 

Así que, na reiteración do convite botánico que sempre vos fago desde esta bitácora, remato cun par de peticións máis prosaicas  ó  Concello de Santiago , encargado deste parque :

a)       Que poña  e difunda  os horarios de apertura e peche do xardín : non hai letreiro nin cartel que informe de nada.

b)       Que  amañe a fonte, para que funcione. Desentoa moito ver unha xoia pétrea baleira, sen uso.   A auga  é un aporte estético fundamental. Non falta en ningún xardín.

 

.......

 

A piques de cambiar a hora, apertas botánicas!

ASSECONIA

Onte estiven en Asseconia !

Foi grazas o entusiasmo de Margariña , que nos levou a todos a unha viaxe marabillosa.

Todos, en realidade, eramos unha ducia (a cifra máxima autorizada para esta excursión).

Cóntovos: Viaxar a Asseconia non é doado.

En realidade, non está o alcance do común dos mortais...

a) So hai unha única saída, as catro da tarde, de luns a venres, para doce persoas, máximo !

b) Non se viaxa en sábados, domingos, festivos ( ou vésperas )

c) Non podes tirar fotos, nin videos...e hai certas incomodidades físicas.....

d) Así que, imaxinade con canta antelación hai que reservar !

e) A cegas : reservas e pagas  con outros nomes, digamos máis convencionais...

Por iso ten tanto mérito Margariña, a guia que, onte, estaba de garda e que que nos trasladou,  coa súa sabedoría, chea de emoción, a Asseconia :

Unha mansio (parada) que aló polo século III d.c. , formaba parte da XIX Vía Romana ; aquela  que comunicaba “Bracara” (Braga) e “Asturica” (Astorga).

Así foi como empezou a contarnos, conmovida, a historia daqueles restos arqueolóxicos que estaban soterrados na Catedral de Santiago...

Excavacións, catacumbas, sartegos.... eran os nomes convencionais que aparecen nos folletos, nas reservas, na web do arzobispado.

Máis nós, afortunada ducia de mortais, entramos a Asseconia polo brazo do cruceiro de Praterias, en fila india, guiados por Margariña, sempre convincente!...

E alí quedamos, de pé, todos xuntos, abraiados diante da mansio que ela nos mostraba, coa súa descripción demorada, culta e apasionada...

Onde nós víamos catro pedras acomodadas, ela ensinounos unha tumba sinxela, de xente corrente.

Onde nos ollábamos un curioso balado, ela mostrounos a acequia interior por onde corría a  auga...

Logo levounos, paseniño, pola nave central, cara o Pórtico... (pensaba eu)

Máis non..!

Estabamos diante da cara oeste da muralla  primixenia...

“Ollade esta formación de esquistos  no balado, tan ben conservada, aínda...”

“Fixádevos no foxo central...é un pozo de auga, naquel tempo tan valiosa!“

.....

E de seguido, enfiaba unha cumprida explicación da función da muralla, ou da eficacia organizativa no reparto da auga...

E ti sentías que formabas parte daquela comunidade romana, perdida nun cruce de camiños – a valia de Asseconia era a súa estratéxica situación: alí chegaba a vía marítima de Iria Flavia, por exemplo.... e dalí saían, entre outros, os camiños cara a Brigantium, ou Finisterrae...

...

Así que cando apareceu a necrópole – na planta central da Catedral, moi perto do sepulcro apóstolico - e vimos os diferentes sartegos de pedra (que ela se esforzou, pacientemente, en distinguir por época e civilizacións; non é o mesmo a tumba sueva que a romana, ou a medieval ), eu xa me propuxera - fascinado -

1) Saber máis de celtas, suevos, romanos, sarcófagos, exhumacións, laxas, foxos....

2) Voltar a San Paio de Antealtares, e alí pescudar porqué unha ara romana, que falaba da rapaza Viria, neta de Atia, e que formaba parte imprescindible do Mausoleo “Arcis Marmoricis” - século II -  fora  manipulada e modificada no século XVII

3) Compartir e difundir  a existencia de Asseconia.

O entusiasmo de Margariña contaxioume!

Pensade: quen pode viaxar a un  pasado tan valioso, desde un  presente tan destemido?

Esto que comparto ocorreu no mes nono, do século vinteun, en Asseconia (hoxe Compostela).

 

Antón da Sobreira

Cinéfilo!


Prezado:


Hoxe lembreime de ti.
Xa ves, unha tarde calquera de agosto, un dos centos de canles de televisión, e unha película que envellece francamente ben : “The french lieutenant’s woman” (1981) traducida o castelán como: “La mujer del teniente francés”.
Naturalmente o recordo non foi casual : Ollar como eran Jeremy Irons e Meryl Streep  hai trinta anos, dálle moito máis valor a túa cinefilia e constante admiración , por estes dous grandes actores.
O filme, contemplado hoxe - ainda coas malditas eivas televisivas : xa sabes imposibilidade de ver a versión orixinal con subtítulos... interrupcións repentinas para botar ¡oito! minutos de lixo publicitario - , é unha xoia - de múltiples labirintos que, no seu dia, eu non fun quen de detectar... (e que agora tanto me enchen, como cinéfilo irredento! )....

Primeiro: Orixinalidade: O xogo de espellos: cine dentro do cine! Temos que estar moi atentos para darnos conta que asistimos a rodaxe dunha película de época. O guionista, Harold Pinter mestura, con habelencia, o folletín decimonónico co romance (ou obsesión de Mike?) dos dous actores protagonistas, Ana e Mike, en tempo real. Está tan ben ideado que se alguén chega a película un segundo tarde, sorpréndese de ver – o cabo duns minutos - unha habitación, unha parella, un pitillo, unha chamada de teléfono... “Ana, podes vir a maquillaxe?”... Máis, en realidade, a cinta é un folletín romántico, tan ben feito!

Segundo - Folletín: Na súa mellor expresión! John Fowles (1926 -2005) publicou en 1969, a novela que da pé a toda a intriga. A historia das peripecias e desventuras de Sara Woodruff (esa costureira de Lyme, marcada por querer a un tenente francés...) O folletín romántico tiña (ten) esas cousas :− A desgraza, feminina (incomprensión , social) da protagonista Sara, muller; a comunidade sempre a ollará con sospeita: “que fai, tódolos dias, no peirao? “− O egoísmo, masculino (trepar na sociedade, o matrimonio de comenencia de Charles coa herdeira duns asteleiros ...)− As paisaxes,  as vilas: agrestes, salvaxes, escuras: mar, vento, pouca luz...− A ameaza da clase baixa: boa e inxenua ata que lle tocan as súas aspiracións (os veciños, os criados, secundarios... pero unha ameaza latente..saben cousas, e loitarán para favorecer os seus intereses )− A verbalidade: Todo se soluciona, ou se complica, falando ! (“ fúcheste sen avisar!” - non queria danarte! ”...)

Terceiro. Solución: Karel Reisz fai unha película memorable. O relato filmico está baseado na vida de Sara. Unha heroina que se namora, loita, pelexa, engana, entrégase, desaparece, aparece, e que ten un talento especial para o debuxo...Máis, o seu redor, o folletín vai ceibando ambientes da época vitoriana. A inquina contra Darwin, ese tolo coa súa extravagante teoria da evolución das espcies... A dureza brutal do sistema (ese contrato de matrimonio, incumprido, con Ernestina). A hipocresía da sociedade (ese mundo de apariencias e convencións).

Cuarto. Calidade: Velaí o asombroso! Que os británicos sexan capaces de embarcarse, en 1980, nunha producción chea de estereotipos ... e que teñan éxito, convídanos a reflexionar nesa calidade no traballo, que trascende. É unha película de época, sí, pero moi ben trasladada ó presente, sen escatimar medios: actores, rodaxe en exteriores, vestiario e caracterización críbles... e unha música de Carl Davis insuperable ... - como me gustan os violins !

Quinto. Complicidade: O remate da película (non o do folletín, coidado! ) é unha antoloxía do excelente uso dos mecanismos sicolóxicos, para manter atrapados - hoxe – aos espectadores... e abofé que o consiguen.  (Qué final !).....

En fin, prezado, noraboa pola túa cinefilia, tan contaxiosa!
Polo San Roque do 2012

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres