Blogia

Antón da Sobreira

Inoxidable

Non hai moito tempo, na comunidade acordamos cambiar o primitivo -1973 - portal de aluminio.

Os oito propietarios dos dez pisos decidimos -ea !- axeitar a entrada do edificio ós tempos modernos.

A carpintería metálica non aforrou cualificativos na descrición do produto :

Marco , porta e tiradores en aceiro inoxidable ; material resistente e de duración ilimatada, freno hidraúlico regulable..etc..”

Vidro blindado, 5+5, resistente ós actos vandálicos...”.....

E acertamos !.....

É unha ledicia escoitar, de cotío, os golpes rotundos da porta no batente (marco ) , cada pouco

Buumm!. Plass !!.Pumm !. Plass !

Soa tan ben !......

( home, de primeiras, eu baixaba a brincos, por se había deterioro, rotura ou malferidos...pero nada !

Falei co presidente da comunidade, falei coa inmobiliaria que nos leva a cousa, e sempre coincidiron na diagnose :

Se golpea , se da tumbos, é que funciona .)

(- senón, mira de regularlle o freno hidráulico ; o golpe é máis suave -)

Naturalmente, negueime !

( Eu fun por letras. Non teño nin idea de física ! )....

E, o cabo, se o pensas ben, é unha xoia vivir nun edificio similar ao hotel Palace.

Tan concurrido.

Ser somos poucos, pero parecemos tantos !

A xente sube, baixa. Entra, sae , entra, sae, entra ,sae...

e o portal , veña : Bumm!, Plas !!!, Pumm!!!!

Hoxe , - luns 10- , disfrutando dese fermoso concerto inoxidable -un golpe cada minuto ?-

reflexionei e botei contas : Somos 17 homínidos e un cánido (17 +1 ).

(Hai dous pisos valeiros )....

Cantas veces temos que saír a procurar o que esquecemos ?

 Cantas veces debemos saír co can ?

 Cantos amigos, colegas, curiosos engadidos - temos -, que nos visitan a cotío ?

 Cantas obrigas nos nubran a mente ?

......

Lembreime daquela rapaza que coincidíu conmigo na saída .

( calquera madrugada , no outono )

 Eu , botándolle a man a porta, deixeina pasar...

 “non te preocupes -dixo -

( así, con confianza )

é inoxidable “ !

....

 Outubro-2011

Llamazares ( I )

 .. Julio, claro !

 Tes unha sensación de plenitude, de equilibrio total no teu espíritu , cando les a Julio Llamazares ( Vegamián - León, 1955 ).

 E ademáis, cumpre tódolos cánones para figurar nos altares dos mitómanos irredentos coma min.

Así que entenderedes o meu uso das “causalidades” ( Non hai casualidades ! )

 Hai unha causa : Julio Llamazares é moi bó escribindo. ( E gústame )

 Hai un efecto : buscas libros seus para darlle pulo a eses praceres , e ocorre -sen ti pensalo - que podes falar co escritor , e pedirlle unha sinatura .... e sentir a complicidade do círculo pechado !

 Eis as causalidades !

.....

Las Rosas de Piedra. Ed. Alfaguara. Madrid. 2008 é unha xoia - poética - que “devorei” con fruición , pois contén os ingredentes básicos que conforman o atractivo literario de calquera libro que queira atraparte :

 recursos, percorrido, intriga ....

( nun libro de viaxes ! )

 O autor usa maxistralmente eses tres elementos para engaiolarnos coa súa peripecia : Viaxar por toda España , para visitar tódalas catedrais.

 “75 exactamente, sin contar las que lo fueron , pero dejaron de serlo en algún momento. Ateniéndome estrictamente al criterio eclesiástico, que define como Catedral a la Iglesia en la que tiene su Cátedra el Obispo.” ( pax. 15. Preámbulo )

 E así atopamos a un viaxeiro cercano -conduce o seu coche, cun plan determinado-.

confidencial - fálanos dos seus proxectos e obxectivos - que nos vai contando minuciosamente - ( a súa viaxe polas catedrais de España, e polos pobos que as albergan )

combativo ( asómbrase – e critica -, a desidia e abandono dun patrimonio excepcional )

.....

Sempre me asalta a dúbida , a hora de falarvos das miñas devocións...

¿ Debo destripar , e facilitar as cousas que me gustan , para achegarvos tesouros valiosos...

ou ser máis frío, e recomendar -asépticamente-, algo admirable ?

Hai que reflexionar...

Xa vos contarei. !

Battisti


 A música italiana ten moito predicamento en España.

 Os italianos posúen un talento especial para a música en xeral - os cumes operísticos son italianos - , e para a música moderna ( “pop”) en particular.

 Se, ademáis, van diante de nós nos medios de gravación, producción, difusión, imaxe, publicidade, etc.. é evidente que a música italiana é unha das nosas favoritas.

.....Eu lembrarei, eternamente, o meu entusiasmo cando chegaba o “Rei Brigo” de Betanzos, e atopaba ós Samar,s versionando impecablemente a Mina , coas míticas

amor mío”, ou “non credere”..

e ós Senadores , cando “bordaban” “il mondo” de Jimmy Fontana...

......

Na radio, básicamente ; nalgún single acadado con moito esforzo ; nalgún programa estelar de TVE dos sábados... ían aparecendo cancións impactantes, coa imaxe daqueles italianos novos, modernos, inspirados.... . Fausto Leali, Richard Cocciante.........

En Compostela, no “Juventud”, gastei o meu primeiro peso – 5 pta. -, na máquina de música.

Podías marcar dúas cancións....

( non lembro a segunda.)

 Sei que a primeira , indeleble, foi :

 “Il mio canto libero “.

(Lucio Battisti )

....

Coda :

 Sempre lembro a García Márquez : “Vivir para contarlo”.....

Endexamais imaxinei que , no século XXI , podería buscar historias, letras, traduccións, etc...na “rede”....

  ( imaxinade a miña felicidade coñecendo letras italianas orixinais...!  )

 “In un mondo che

non ci vuole più

il mio canto libero sei tu”

..

C A R L S E N

 

Temos un noruego moi bó no Xadrez.

É o número 1 do rankin mundial.

Chámase Magnus Carlsen, e naceu o día de San Andrés de 1990.

Antes de cumprir 14 anos , obtivo o título de Grande Mestre.

( Récord de precocidade axedrecistica !)

Con 19 anos foi o primeiro xogador do mundo en acadar os 2800 puntos Elo.

( o número 100 da clasificación mundial , agora, ten 2618 ).

Hoxendia , ao 30 de setembro de 2011, ten 2823 puntos Elo

( nunca ninguén de 20 anos, tivo unha puntuación tan alta )

......

E, nestas, chega Vallejo e gánalle, agora, na copa Grand Slam ( buscade na rede: hai dúas sedes: Sao Paulo e Bilbao .. )

Vallejo ten 2716 puntos Elo, e naceu en Menorca o 21-08-1982.

É o primeiro xogador español da lista. ( nº 28 )

Nos anos 90, eu vin-no xogar en Santiago.

(mañáns de sábados, en colexios maiores, loitando coa rutina dunha competición amateur... Coa beleza limpa da afección e a xenerosidade , dos poucos seguidores axedrecísticos )

Síntome afortunado...

sei quén é Paco Vallejo !

Longa vida ao Xadrez !

Outubro, 1

 

 

 San Remixio ( c.457 -533 ) , o santo do día, foi arcebispo de Reims.

 Bautizou e confirmou ó rei dos francos , Clodoveo ; por iso , nas tres parroquias galegas das que é titular, viste de pontifical co palio (bispo ) e un vaso cos santos óleos nunha man, ou unha lampadiña...

 En italiano dise Remigio, coma en español.

 Como tanta outras cousas que nos afectan na vida, foi o azar quen me levou a esa xoia bibliográfica que é o  

Diccionario dos nomes galegos, dirixido por Xesús Ferro Ruibal, e publicado por Ir Indo Edicións. Avda. da Florida, 30. 36210 Vigo. 1992

 e do cal tomei a información coa que encabezo a páxina.

 Azares, causalidades, cousas varias -diarias- que dan para escribir catro letras....

 De volta, novamente, tentarei manter unha páxina, propia, pero aberta ...

 falar por falar, comentar, opinar, cuns poucos caracteres informáticos.

 facer un balance da xornada, cando remata...

 ( ou voltar atrás, ou pescudar no antergo, ou prantar unha árbore....)

.....

Ata mañá.

Enguedellar -XIII ( Escritor ! )

Rematei de ler “Un dedo manchado de tinta”.

( Manuel Portas. Xerais. Vigo. Maio.2011 )

Un festín literario que colma o espírito, pola chea de cousas que contén:

 

  • calidade ( fondo- forma )

  • orixinalidade ( argumental, textual )

  • complicidade (actual )

  • aportacións ( a narrativa galega )

 

I .- A novela ten unha calidade extraordinaria polo seu formato.

Combina fondo e forma dun xeito tan natural que , ó cabo de 350 páxinas , péchanse as diversas historias que dan xeito ós oito (8) capítulos -aparentemente independentes-.

Desde a primeira páxina , un aspirante a escritor diríxese a nós, na procura dunha complicidade leitora duns feitos -ou historias- que non sabemos moi ben se son reais, ou froito da imaxinación dese acomplexado, tímido e xa algo maduro aspirante a escritor, Gonzalo Salgueiro....

 

II.- Cada capítulo é unha xoia en sí mesmo.

A carta “ conxuga a destreza descriptiva -impresionante a redacción da carta chegada de Cuba - coa intriga do ocurrido moitos anos atrás;

Malulú” é un fermoso canto interracial que contén outra demostración de oficio literario, na descripción das orixes africanas do protagonista ;

Expediente 324/10 “ é un vóo rasante , sobre o mundo carcelario , empapado de tenrura e sensibilidade malia a dureza do tema ;

Lector Óptico “ lévanos ao mundo loitador e sobrevivente dunha traballadora xenerosa;

Próxima estació : Urquinaona “ é un thriller actual, que te atrapa , sobre a evasión de capitais, – e as consecuencias de investigalos -.

 

III.- Digo complicidade no sentido máis completo, longo e positivo do termo...

Ese chisca-lo ollo cando fala de cousas comúns, actuais ( computadora, emepetres, código de barras, ir de copas, cociñar con esmero ...)

Rematada a novela aparece , claramente, un estilo definido : a cercanía, a complicidade co lector que ven dado -o estilo - , polo uso do punto de vista : monólogo interior – os personaxes falan consigo mesmos, pensan – sempre en segunda persoa - como si se dirixisen a nos ; a minuciosidade nas descripcións – que chega a detallarnos o proceso de creación dun planfleto sindical ou a artesanía demorada do carpinteiro, preparando un madeiro de sapeli...

Mesmo o narrador ( hai dous, mesturados destramente ) fálanos desde unha confianza - e naturalidade - que nos implica directamente nos avatares desa xente : tan común coma nos , e con conflictos e aconteceres semellantes os nosos.

 IV.- Dicía eu , antes, do estilo...pero hai moito máis que completa e conxuga a redondez desta novela.

 

  • Guión para o cine : historias con entidade propia moi ben resoltas no desenlace final.

  • Xogo de espellos : personaxes na procura do seu creador ? ( Pirandello, Unamuno..)

  • Galeguidade : Practicamente toda a acción sucede en Galicia. Cidades, barrios , rúas, aldeas, bares, pubs, autoestradas...todo flúe cunha naturalidade críble e convincente.

  • Riqueza lingüistica : Unha marabilla de vocabulario – nada forzado ou artificial - : bátegas, fasquía, lizgaira, carrancudo, carimbo, cabicha, arfar, lonxincuas, osiántico , cogombros, legoña, engurren...e tantas outras palabras , que lle dan longa vida a nosa lingua.

  • ( e sempre, medio oculta, algo de poesía : “..un salgueiro chorón ponlle límites a escuridade da noite .” )

 Parabens, escritor !

( en xullo, nestes días raros sen o Liber Sancti Iacobi – parte da nosa identidade - )

Enguedellar-XII ( san Kevin )

Os que me seguen, saben da miña querencia por Manuel Rivas ( A Coruña, 1957).

Entenderán, polo tanto, que copie e "pegue" esta  xoia , tan valiosa !

A santa paciencia dos mestres de Galicia

http://www.elpais.com/articulo/Galicia/santa/paciencia/mestres/Galicia/elpepiautgal/20110701elpgal_18/Tes?print=1

Manuel Rivas 01/07/2011

Estamos de paso nunha casa de comidas dunha vila galega. É a hora de xantar. Hai un televisor ao fondo, moderno, de plasma, o que lle dá á sala de comedor un xeito de cinema comentado.

Todo transcorre nunha atmosfera de tranquilidade, aínda que as máis das noticias sexan inquietantes e indixestas.

Mais xa estamos afeitos a esgazar as dúas funcións, de tal xeito que podemos compatibilizar o pracer no padal co abraio mental.

Nas diferentes mesas, os clientes comen en silencio ou falan do seu.

De súpeto, todo cambia.

A noticia en televisión dunha protesta do profesorado galego contra o incremento de horario lectivo, as imaxes dunha manifestación multitudinaria dos mestres, provoca os comentarios en voz alta e alporizados de varios comensais.

-Non queren traballar, eses langráns!

-Aínda han de pedir máis vacacións!

-A eses púñaos eu a cavar gabias!

A maioría, hai que dicilo, cala.

Seguramente pensan outra cousa, mais calan.

Seguramente é a actitude máis intelixente, pois os outros están no transo de bourear, de exercer o poder decibélico.

Así que nese intre o discurso dominante na sala era o da reprobación e condena dos mestres. Non só iso. O desprezo cara á xente que traballa no ensino.

Non un desprezo calquera, senón un desprezo rancoroso, emitido polo son que produce a maquinaria do odio.

Ademais de atragoárseme os berberechos, penso que hai días en que seria mellor saír da casa cuns algodóns encerados nos oídos.

Os manifestantes levan a figura cómica dun cabezudo.

Ten certa semellanza co conselleiro de Educación. Esa imaxe, tamén na distancia, desdramatiza o ambiente. É o que ten a sátira. Que actúa de catarse.

O certo é que as voces feroches amansaron, e entón oíuse unha que pairou livián na cargada atmosfera.

-Teñen o seu mérito, que terman dos rapaces!



Ao que seguiu outra un pouco máis punzante, retranqueira.

-Cando non dos pais, que son peores!

A min gustaríame engadir algo:

-Termar terman de todo!

Pero calei. Por covardía. Polos berberechos atragoados.

O meu proceso mental foi o contrario ao dos cabreados cos mestres, que logo foron recuando.

Eu anoxeime despois.

Cando xa pasara a regueifa e morrera o conto. Teño esa rareza.

Que me alporizo cando estou só.

Adoita pasarme o que os franceses chaman l’esprit de l’escalier [o espírito da escaleira].

Que me lembro máis tarde, a deshora, do que debería ter dito.

E entón falo só. Polemizo comigo. Vou á procura do espírito da escaleira. Escribo un artigo coma este.

A dúas voces. A da perplexidade e a carraxe.

Fun criado no respecto ao mestre.

Se cadra coñecín mestres, persoas concretas, que non merecían ese respecto, mais toda a humanidade que me arrodeaba, meus pais, meus veciños, todos me transmitiron o respecto á muller ou home que daban escola.

Non era un respecto dócil.

O respecto é diferente do servilismo, da docilidade.

En realidade, o que a min me transmitían era o respecto poño coñecemento, pola aprendizaxe, pola curiosidade de pescudar no descoñecido, de avanzar contra a ignorancia.

Era un respecto que atravesaba os tempos, as xeracións.

No fondo, unha herdanza republicana.

Porque o pobo sempre intuíu que o coñecemento, e o libre pensar, era a verdadeira conquista do pan.

O que está a pasar hoxe en Galicia é algo insólito.

Un despropósito que supera o impensábel nunha democracia.

Nin remontándose ao país imaxinario de Sopa de ganso, o filme dos irmáns Marx, encontraríamos algo semellante relativo á educación.

O de encirrar a poboación contra os mestres.

Contra o profesorado.

O dar pábulo e amplificar falsidades, dando a entender que os ensinantes son unha especie de estamento privilexiado, nugalláns que non dan un pau a auga, ou tratándoos como unha xunta de bois preguiceiros aos que cómpre aguilloar con medidas penitenciais.

Pero, que absurdo é este dunha Administración que en lugar de afortalar o ensino, o espazo basilar do futuro, o que fornece é o descrédito dos ensinantes?

Os ensinantes viron recortados os seus soldos.

Uns salarios que xa son moi inferiores aos da media europea.

Os centros de ensino público en Galicia veñen sufrindo unha continua poda orzamentaria, de tal maneira que grande parte das moitas actividades extras que se desenvolven son por mor do voluntarismo e o esforzo non retribuído do persoal da ensinanza.

As bibliotecas escolares deberían ser o corazón dos centros.

Pois ben. Coñezo bibliotecas e clubs de lectura moi activos que só existen grazas aos mestres que os fan posíbeis cun traballo nunca contabilizado.

Falando de contar horas, o bo mestre, que son os máis, traballa todo o día.

Cando non a noite.

Quen coñeza ese mester de ensinar sabe da entrega que require en horas de formación, de preparación de clases, de corrección de traballos e probas, de atención persoal a estudantes con problemas.

O incremento de horario lectivo que está a provocar as protestas no ensino foi unha medida de corte disciplinario, unilateral.

Fora cal fose a intención, os responsábeis semellan ignorar que os recortes salariais non poden ir agravados por un clima impositivo, arbitrario, sen pontes de diálogo e negociación.

A auctoritas é algo que os demais conceden polo valor de quen a merece.

Non se impón co cimbrar da vara de mando.

O espazo do ensino é o espazo do diálogo. Da palabra. Do pensamento.

O berce da liberdade.

Mais construír ese espazo esixe sutileza, grandes depósitos de esperanza e unhas condicións de confianza básica.

É un traballo delicadísimo. De primeira liña de risco.

E de enorme paciencia.

O bo mestre ten de ser, dalgún xeito, da madeira de Kevin, aquel santo irlandés que estando en Glendalough, un lugar montañoso do condado de Wicklow, estricou os seus brazos para erguer unha pregaria ao Ceo, e entón apareceu un merlo e pousou nel.

Nun dos brazos.

E ao merlo aquela póla pareceulle boa e chamou pola merla e decidiron construír alí o niño.

Puxeron os ovos, medraron as crías, e un día botaron a voar.

E só entón, só nese intre, san Kevin baixou o brazo.

Os gobernantes pasan.

Hainos que deixan semente. E hainos que deixan un ronsel de fume.

Dos peores fumes, o fume que procede da síndrome de burn-out.

Dos ensinantes queimados.

Enguedellar -XI Eucaliptus

Eucaliptus

 Eu nunca falarei mal do eucalipto.

( en realidade , xamais falarei mal de ningunha árbore ; para min , tódalas especies arbóreas son positivas e valiosas.

Outra cousa é actuación dos humanos , que sí pode ser perigosa, nefasta , neglixente , negativa , avariciosa...).

.....

O eucalipto cáusame tres sensacións - que tratarei de resumir cronoloxicamente - : fascinación , asombro, emoción.

 . Fascinación

Fascíname a historia da súa chegada e implantación neste país.

Pensade : un frade galego, Frei Rosendo Salvado – que facía nas antípodas ? -, abraiado diante dalgún exemplar impoñente..

Colle sementes, algunha macetiña ( como serían ? ) , retornando a Galicia - imaxinade unha travesía desde Australia :.meses e meses no mar, ata chegar a un porto galego ...!-

A difusión, a divulgación entre as élites, os ricos e os ilustrados...

( Lembrade estamos na década que vai de 1860 a 1870 )

E convénceos a todos !

A maioría das árbores alóctonas foron aceptadas polo seu exotismo e beleza ornamental.

( Que impacto poideron causar , nos pazos galegos , para seren acollidos tan fervorosamente ! )

 . Asombro :

Admírome da estética que ten , tan singular...

A beleza que transmiten follas tan peculiares; esa cor grisalla, esa elegancia esbelta, ese porte altísimo...

¿como cuantificar, ou valorar , o inxente esforzo que supón subir a seiva a 70 -setenta ! - metros de altura , como é o caso do senlleiro avó de Chavín..?

 . Emoción :

Conmóveme pensar en centos de familias, milleiros de persoas, que melloraron a súa vida grazas a madeira de eucalipto.

Plantar eucaliptus globulus , co seu crecemento rápido, foi a panacea dos nosos lugares e aldeas : milleiros de ferrados de monte, con moito tino, foron sementados de eucaliptos. Nesa madeira estaba o futuro cercano !...

E ademáis, está ese cheiro caracteristico das polas e follas fervidas, sanador de tantas gripes e bronquites !

...

En fin, se vos apetece profundar no coñecemento desta exótica árbore, recoméndovos unha pequena viaxe polo noso pais:

 

  • Cambados ( eucaliptos de Rubians )

  • Vigo ( eucaliptos de Castrelos )

  • Santiago ( eucaliptos da Alameda )

  • Bergondo ( eucaliptos de Mariñán )

  • Viveiro ( eucaliptos de Chavín – A Retorta )

    ....

Hai mais...

 Chegaredes a eles, despois de facer estes.

 Seguro...

 Vésperas de san Pedro , no 2011.