Facebook Twitter Google +1     Admin

Se muestran los artículos pertenecientes a Febrero de 2009.

Meu irmanciño...

Vítor F. Freixanes, escritor e intelectual galego, agasállanos cun fermoso artigo na Voz do domingo día 1 de Febreiro.

Fala da costume que había en Trasalba - cuna do gran Otero Pedrayo - de plantar unha árbore cando nacía un neno.

Lean con atención : emociona ( só con  pensar que D. Ramón era fillo único ... )

...

Os pinsapos de Trasalba

(La Voz de Galicia )

Autor: Víctor F. Freixanes Fecha 1/2/2009

Cando naceu Ramón Otero Pedrayo, en marzo de 1888, o seu pai plantou no xardín da casa grande de Cima de Vila, en Trasalba de Amoeiro, unha árbore especial. Don Ramón dicía que era unha araucaria. O botánico Carlos Dacal, estudoso das árbores nobres de Galicia, identificouna coma un pinsapo: un pino-abeto, poderiamos dicir, iso que de nenos chamabamos árbore de Indias, definición que incluía unha chea de especies de fasquía máis ou menos semellante, ornamento dos xardíns e das casas de certo señorío no século XIX.

Durante anos a árbore e mais o neno medraron xuntos. «O meu irmanciño», gustaba de chamalo don Ramón, que era fillo único. E cando no inverno de 1972 unha treboada tronzou a araucaria-pinsapo, derrubándoa mesmo enriba da solaina, que a piques estivo de estragalo todo, o patriarca considerou o feito un canto de curuxa, o anuncio de que o seu final tamén estaba próximo. Tiña daquela 84 anos. De feito, finou pouco despois, en abril de 1976. Coas táboas do irmanciño fixeron o cadaleito, e alá marcharon xuntos para o cemiterio ourensán de San Francisco: a árbore e mais o neno, os dous irmáns.

O furacán destes días chimpou un segundo pinsapo. Hai dúas versións. Unha di que foi plantado para substituír a primeira árbore de don Ramón, a que puxera o seu pai. Outra versión, a máis acreditada, di que foi o propio don Ramón quen a plantou, xunto coa súa nai, dona Eladia, en memoria do pai, que morrera en sendo o escritor un adolescente. En calquera caso, tratábase doutra árbore simbólica, outro pinsapo, na tradición das vellas casas galegas de chantar unha árbore nova en lembranza dos seres queridos. Era práctica común nas sociedades antigas afirmar desta maneira a memoria e a vida: as árbores (algunhas árbores sobre todo) simbolizan a permanencia, mesmo a eternidade. Os cipreses, que na cultura cristiá identificamos cos cemiterios, son en realidades a árbore da gloria, a árbore de Apolo nos textos clásicos, ergueitos, soberanos? O carballo, poderoso e lonxevo, era unha das árbores dos antigos druídas. Na casa de Cima de Vila encarnan a memoria dos que noutrora a habitaron.

Non son estas as únicas árbores simbólicas do xardín da casa grande, que seica foi deseñado contra finais do século XIX. Contra a fachada sur, os visitantes poden apreciar unha vella laranxeira. Plantouna o avó de don Ramón, Antonio Otero, ao pé da escalinata que conduce á solaina, cando naceu o seu fillo, don Enrique, o pai de escritor, e alí segue, aínda que nos últimos tempos unha estraña peste lle anda enriba. As laranxas adornan as súas polas e, nos meses máis duros, é fermoso velas acompañadas pola neve. Carlos Rodríguez Dacal estudou moi ben todo este pequeno mundo verde: a corpuda tilleira, as pereiras que tanto agarimaban a dona Eladia, as araucarias, o loureiro real, o carballo no que repousaba a figura do poeta Noriega Varela, os castiñeiros do souto? Levou o vento o segundo pinsapo. Haberá que poñer outro.

04/02/2009 21:16 Antón da Sobreira Enlace permanente. sin tema No hay comentarios. Comentar.

Unha vella pereira

Foi o 31 de Marzo de 2006, cando este artigo de Victor F. Freixanes apareceu na Voz de Galicia. Xúrovos que algunhas persoas puxéronse a a leelo por ter ese título. E pagou a pena !

Con estraodinaria destreza fai unha "laudatio" da árbore que se foi; unha homenaxe a xente do campo ( todos viñemos dalí ) ; unha impagable recolleita de vocabulario galego ( cantas variedades de pereiras ! ).

Un artigo, cercano, quente ,  que nos enche e que nos axuda a ser mellores persoas..

UNHA VELLA PEREIRA

DEBINA podar antes. Debinlle tirar tanta leña que tiña, baixarlle aqueles gallos enormes que se albiscaban dende a redonda e aliviala de peso para axudala a pasar o inverno. Os veciños asegurábanme que era centenaria. Antes ca eles, disque xa estaba ela. Daba uns peros de inverno gordos, sabedoiros, cos que enchiamos seis ou sete cestas, e unha sombra garimeira no verán, inzada de paxaros. Debín rebaixala cando mo dixeron os vellos, xa digo. «Mire que é moito mundo de Deus». Pero non o fixen. En parte porque me gustaba vela tan altiva, tan señora. E alá foi. A furia do vento bravo destes días, que entra dende Padrón pola Amaía toda ata bater case que sen que se lle poña ninguén polo medio contra a fachada do Obradoiro, arrincouna dun pulo e abateuna no medio do eido, cun estrondo de cataclismo que aínda estremece recordalo.

Son urbanita, nacín e crieime na vila, desenvolvín a miña vida profesional sempre en cidades grandes. Hai pouco que vivo na aldea. Abraiado e fascinado polo mundo da aldea, debo admitilo: cos seus longos e demorados invernos, o canto da choiva a correr polos regos, o arrecendo da leña nos rueiros... Con ADSL e un aeroporto preto, tamén é verdade. Pero na aldea. E estas cousas impresiónanme. A árbore era un mundo, señoreando o lugar, e chimpouma o vento.

O meu avó, de rapaz, sacábanos a pasear nas tardes dos sábados, e íanos dicindo o nome todo das cousas: os mentastros, os estralotes, os pampullos (que axiña inzarán os campos da primavera co seu inmenso mar amarelo), o fiúncho de San Xoán, os couselos... Segundo o avó lle ía poñendo nome ás cousas era como se fose pintando o universo enteiro. Sospeito que os rapaciños de agora, criados na cidade con medo a saír á rúa e instalados durante horas diante do televisor, non saben destas cousas. Saben outras. Pero estas non.

O meu veciño do lugar aínda é quen de nomear ata dúas ducias de peras distintas, segundo a época, a sazón e os enxertos: barburiñas, de manteiga, peras de can, perillotes, peros, periños, peras de San Xoán, urracas, canelas, esganadizas (que son as máis fariñentas), peras de compota, peras señoras (pola súa fasquía suntuosa, coma cadrís de raíñas antigas), peras de tres en cunca, peras da man (porque caben nunha man), peras canelas... Gusto de andar, dende hai anos, cunha libretiña no peto na que vou anotando estes descubrimentos da lingua, que son tamén descubrimentos da memoria, coma labaradas.

Os peros da pereira abatida eran dos que aquí chaman de Nadal. Na miña casa de Pontevedra poñíanse na Noiteboa a carón do lume, na lareira, ou na cociña bilbaína, a asar dende unha ou dúas horas antes da cea. Era o noso postre preferido.

Pola mañá, saín ao xardín e contemplei por derradeira vez a gran señora derrubada polo vendaval. Xa viñan de camiño os da motoserra, para facela toros e dispoñer a leña para o próximo inverno. Contempleina e sentín a marcha dunha vella amiga, antiga, tal que a memoria da terra, ou do lugar, máis só e desasistido sen a súa presenza. ¿A fin dun tempo? A miña veciña ollou para min, sorriu, consciente acaso dos meus sentimentos, e coa sabedoría antiga dos vellos, espetoume sen pestanexar: «Poña outra no sitio, oh, que a vida continúa...».

06/02/2009 21:11 Antón da Sobreira Enlace permanente. sin tema No hay comentarios. Comentar.

Blog creado con Blogia.
Blogia apoya: Fundación Josep Carreras

Contrato Coloriuris