Se muestran los artículos pertenecientes a Septiembre de 2010.
Poderosa Hermafrodita
Coa Tipuana (Tipuana tipu –Benth. , Kuntze - ) pásame unha cousa moi curiosa.
Sempre a vexo espida.
Vaia , tampouco debo esaxerar !
En realidade só a vin dúas veces.
A primeira, foi no seu país de orixe : Arxentina.
Era agosto e, claro, inverno austral.
Aínda que non lle prestei moita atención – os afeccionados, cando empezamos, só ollamos o verde perdurable- , si lembro que preguntei por aqueles centos de exemplares que, espidos, inzaban as grandes avenidas, de evocadores nomes: “Ribadavia “, “Maio”, “9 de xullo”...
- A tipa ? ..tes que vela floreada !. Non se coñece a cidade , inundada de flores amarelas ! -dixérame xente querida.
Como tantas lembranzas máxicas, o marelo imaxinario da Tipuana quedou durmindo no limbo, mentres eu trataba de contarvos porque a chorima debe ser a nosa flor nacional, ou de achegarvos o valor das nosas senlleiras.
....
Aló por xaneiro, entérome de que na nosa cidade hai un exemplar de Tipuana.
Faltoume tempo para ir a recoñecelo !
Chovía, estaba o ceo cuberto, ía frío...e non tardei nada en chegar o parque.
Está cerca de onde vivo. En realidade , é moi céntrico.
E atopeina.
Permanecía espida, como se non pasaran os anos , desde a primeira vez no pasado século.
Lóxico.
Era o inverno setentrional. ( O noso )
.....
E alí estaban. Sí. Plural. Porque hai dous exemplares novos de Tipuana.
Non era necesario, para a súa supervivencia, poñer dúas árbores.
A Tipuana é unha poderosa hermafrodita - lembrade : na mesma flor, ten o androceo e o xineceo - , que soporta calquera inclemencia, aguanta tódalas eivas..tódolos anos.
Sen desfalecer : ollo con ela !.
Nesa resistencia é superior as súas irmáns – pertence a familia das Leguminosae- :
( mimosas, sóforas, acacias...)
Chovía, estaba o ceo cuberto, o regato ía moi cheo - camiño do seu pai milenario-.
Era un día cincento : perfecto para combinar coa color da Tipuana
Núa.
Coa cortiza gris –parda, case escura.
Coa copa apuntando xa, unhas formas redondeadas.
Adaptándose e disimulando coas compañeiras, de folla caduca, que alí están : moreira, bidueiro, sófora.
( Ninguén diría - pola súa integración - que na orixe, apareceu alá por Catamarca –Arxentina- ).
...
E aquí me tedes : agardando, ansioso , a chegada de abril, ou maio...
antes de rematar xuño as dúas Tipuanas de Santiago, estarán cheas de flores dun amarelo intenso, que voarán, inundarán o céspede verde, flotarán no regato, e ata poida que cheguen a rúa que , non moi lonxe do parque, foi dedicada a d. Isaac Díaz Pardo, o noso insigne veciño.
Así que , nesa espera para vela - por fin ! - vestida de follas e flores, sigo alimentándome coas fotos - fermosas-, que nos bos libros botánicos, outra xente amiga das árbores, ten a xentileza de publicar.
En Compostela, medrando a lúa de marzo do 2010, saúdos botánicos.
Bibliografía :
1.- Guía Verde de Santiago de Compostela, coordenada por María Isabel Fraga . Concellaría de Medio Ambiente, Parques e Xardíns. Editorial Alvarellos. Santiago de Compostela. 2010
2.- El nuevo libro del árbol. (tomo I ). Edición de Francisco Erize. Celulosa Argentina S.A. Editorial El Ateneo. Buenos Aires. 2000
( as miñas árbores XV, publicado no Pichel nº 14 de setembro 2010 )
Unha pequena xoia, tan necesaria...!
Difundimos artigo aparecido no Pichel nº 14, do secretario da A.Vv. Raigame, relativo a un libro sobre a nosa lingua...
Non sabedes canta alegría sentín, cando lin nos xornais que un novo libro galego foi presentado, simultaneamente, en cincuenta e cinco sitios distintos do mundo.
Efectivamente, o venres día 4 de febreiro de 2010, apareceu publicamente, o que debe ser o noso libro de cabeceira do galego :
55 mentiras sobre a lingua galega
Edicións Laiovento S.L ( www.laoivento.com ). –colección cadernos ensaio- coord por Xosé Henrique Costas –
A primeira virtude xa foi ese detalle tan orixinal : aproveitar as redes sociais de internet, para conectarse e facer o mesmo acto en sitios tan dispares como Melide, Wisconsin , Bos Aires ou Moaña...
( Coa primeira virtude, a primeira reflexión : non estamos solos : Canta xente entusiasta ama ó galego ! )
Naturalmente faltoume tempo para ir a mercalo - oito euros : prezo accesible - e engulilo nun par de horas, que saben a pouco.
Esa é a segunda virtude : a facilidade de lectura. É un libro tan grato e ameno, que non es quen de deixalo, ata rematar
( Segunda virtude, segunda reflexión : que bos profesionais temos !. Xente do colectivo Prolingua que lle dan xeito escrito – sen faltar a verdade – a cousas de sentido común, pero que os inimigos do idioma non atenden nin respectan )
Non me resisto a transcribir un par de textos do limiar, px.7
“Non sabe vostede, ou se cadra si, o difícil que resulta para o profesorado de Lingua galega no exterior –Tubinga, Toronto, Varsovia ...- dar explicado a un universitario alemán, ou a unha alumna canadense que certa xente, censada neste noso país, dedica moito tempo a combater a existencia plena, culta e oficialmente recoñecida do seu propio idioma.
Un amor elemental a humanidade fainos crer que tal cousa non é posible “...
“Chamámoslle actitude a predisposición a avaliar favorable ou desfavorablemente un obxecto, persoa ou situación ( unha lingua, no caso das actitudes lingüísticas ) e a actuar de acordo con esa avaliación.
Os prexuízos nacen das actitudes.
Un prexuízo é unha idea preconcibida, que ten a súa orixe nun erro – deliberado ou non – na categorización da realidade.” . px. 9
Esa é a terceira virtude: ser didácticos ; claridade , facilidade de exposición, razoamentos comprensibles.
( Terceira reflexión : definir un prexuízo : cantos saben o que é ?. Como non vai seducirnos este libro ? )
Xa vedes, estaría destripando o libro para todos vos ; é un texto que se deixa querer e que conforta as persoas.
Aínda así, remato coa cuarta virtude : clarividencia nas 55 mentiras – ver índice, px. 79 –
Nese afán pedagóxico, que impregna o libro - afán que leva implícita a veracidade, os datos contrastados, a evidencia histórica - está a súa eficacia: é un libro que te persuade definitivamente: o galego é unha lingua e o resto son 55 trolas baseadas en prexuízos.
Aquí vai unha delas ( px. 51 )
Falacia : “Temos dereito a que toda a sinalética e a documentación oficial –toponimia, administración, escolas, hospitais, etc. –estea nas dúas linguas “
Razoamento :Unha persoa normal , que acabe de chegar a Galicia e nunca tivese contacto co galego, entende ben o galego en menos dun mes, e pode falalo en menos dun ano, dada a proximidade estructural entre galego e castelán.
....
-En Galicia, di non entender galego o 1% da poboación . Ese 1% seica non entende sinais como “urxencias”, “tocoloxía”, “escola “, “pavillón de deportes”, “consellaría de traballo” , etc. porque o galego seica é complicadísimo ! -
En fin, compañeiros e veciños, anímovos a lectura pracenteira desta pequena xoia e , logo , darlle pulo para compartila coa xente de ben, pois - px.6 “queremos a nosa lingua como queremos os nosos pais ou os nosos fillos: porque son nosos; e abonda
Santiago, primavera do 2010
Agustín Pena Herva




