Se muestran los artículos pertenecientes a Abril de 2011.
Enguedellar-VI ( O roteiro das cerdeiras en flor )
A xente de fusquenlla publicou un fermoso texto onte, día primeiro de abril, que recomendo leer con fruición.
Paga a pena.!.
Eles viaxan a Xapón, o paraíso das cerdeiras e explícannos, con entusiasmo xeneroso, a tradición milenaria do camiño da floración.
De volta a Pontedeume, falan das cerdeiras de Ombre e de Cabría - “onde se conservan os máis vellos exemplares” -
....
Tomo nota para percorrer esa outra parte da miña parroquia natal, na procura desas míticas cerdeiras centenarias.
-hoxe non puiden- .
( Demoreime, desde Freixeiro, na emocionante sinfonia que, milleiros de flores brancas, compoñían , -o primeiro sábado de abril do 2011 -, por padrelo, outeiro, riolongo, penelas, chao, rega, bufarda, bouzalonga, portela....)
.......
Así que xa vou marcar, en vermello , o xoves día dous de xuño (Ascensión ).
Pra daquela, tentarei probar as cereixas de Cabria...
...
Sakura zensen !
Antón da Sobreira.
Enguedellar-VII ( Ruth Matilda Anderson )
Agora que tan de moda están, as conmemoracións e os fastos para celebrar calquera evento – escusas habituais para potenciar o negocio turístico de cidades e paises - pídovos que fagades unha pequena viaxe coa vosa imaxinación, no tempo.
Hai que voltar atrás.
Retroceder ata o chuvioso dia de San Silvestre do 1925.
Son as sete da tarde en Compostela.
Accedemos a Quintana, pola rúa da Conga.
Namáis entrar, paramos.
Fronte a nós, na Porta Santa, algúns operarios afánanse en colocar as bombillas
de colores que adornarán , todo o Ano Santo que está a piques de principiar, aquelas paredes centenarias...
Hai dúas escadas, restos de terra e pedras...nótanse as obras.
A nosa fotógrafa , non dubida.
Fala con axudantes e colaboradores. Instalan os trebellos da Kodak.
Organiza encuadres, ángulos, detalles técnicos...
( e avisa ós traballadores da Catedral, de que vai a tirarlles un retrato. )
Preme na botoneira, e outra instantánea - imperecedeira -, queda apreixada no carrete.
( Case cinco mil fotografías , neses tres anos de viaxe por Galicia, que garda e arquiva cunha meticulosidade exemplar – que hoxe tanto lle agradecemos - )
Porque esta muller , que cumpre os 32 anos, anda por Galicia desde o ano pasado.
Ven desde Estados Unidos.
Traballa para a Hispanic Society of America.
E percorre o noso país, demoradamente : parándose , falando, leendo e traducindo o noso idioma ( é políglota ! ) , preguntando, retratando e gardando - para sempre - a dignidade das nosas xentes...
...
Mollada, pero satisfeita co traballo, a nosa dona vai camiño do hotel.
Xa matina na feira de mañá, en San Fiz de Solovio.
A praza ferverá , chea de xente, no primeiro dia do Ano Santo de 1926.
.....
Boas noites e moitas grazas ! , benquerida
Antón da Sobreira.




