Facebook Twitter Google +1     Admin

Se muestran los artículos pertenecientes a Marzo de 2011.

enguedellar, enguedelleime ( a xeito de diario )

dia primeiro (I).- 17 marzo 2011 -

Vaia por deus !.

Só a min se me ocurre empezar un diario escoitando a "José María Guzmán"!

Fundador de Solera , de  Cánovas,Rodrigo, Adolfo e Guzman (CRAG )  de Cadillac... é un músico que vai ao seu aire.

Que sobreviva nestes tempos, tan cutres, é un síntoma de que algo está cambiando ( a mellor )

Son as once da noite ( 23 horas ) e  - mentras escribo - soan guitarras prístinas ;

armonías vocales emocíonanme ;  recomendo este disco !

"29 Febrero. Guzmán" (Cadillac.Karonte )

Antón da Sobreira ( desde Compostela )

17/03/2011 23:23 Antón da Sobreira Enlace permanente. sin tema No hay comentarios. Comentar.

Enguedellar (II) - Xapón -

Lembro o libro "Elogio de la sombra" de Junichiro Tanizaki.

(tradución de Julia Escobar ). Ed. Siruela.Madrid. 2009

-grazas Miguel, por compartir -

Chamoume a atención ,  iso : como os xaponeses valoran a sombra, o esguello, o antergo, a pátina do tempo ( valoran máis un obxecto coas pegadas do tempo que o brilo presuntuoso e fugaz  ).

Como as construccións van  en función da sombra, da penumbra, do lusco fusco...tellados, porches, vestibulos.

A luz atenuada : A sombra como prolongación da luz..silencio, discrección, calma, tranquilidade...

Hoxe, na súa traxedia, estou con eles.

Xente admirable.

Antón da Sobreira.

18/03/2011 22:15 Antón da Sobreira Enlace permanente. sin tema No hay comentarios. Comentar.

Enguedellar- III (Cine )

Morreu Liz Taylor.

Volven recordos en branco e negro .

O millor cine , eu vino na televisión.

Se falamos de Elizabeth Taylor lembro : Little women (1949 ) ; Giant (1956 )   ; Cat on a hot tin roof (1958 ) ;  Suddenly, last summer (1959 ) ; Cleopatra (1963) ; Who`s afraid of Virginia Woolf (1966 ) .... 

  Vaian estes recordos  cos títulos orixinais en inglés. Algo que sempre tivemos vedado.Versións orixinais- forever !-

Filmes grandiosos que, daquela, sementaron en min, un gusto indeleble polo  CINE (maiúsculas ) e crearon esa fascinación mitómana polos seres con talento.

( esa mitificación foi a que me ensinou a bucear nas películas - maís aló da proxección -para saber cousas de actores, actrices, directores, guionistas, música...)

Grande Liz Taylor.

Sempre.

Antón da Sobreira,( tamén cinéfilo )

24/03/2011 21:32 Antón da Sobreira Enlace permanente. sin tema No hay comentarios. Comentar.

Enguedellar -IV ( música nas pedras )

 

Xa teño nas miñas mans o primoroso programa do VI Festival de Músicas Contemplativas que terá lugar en Compostela do 18 ao 23 de abril deste ano.

Coincidindo cos 800 anos da consagración da Catedral , o Consorcio de Santiago

tira a casa pola ventana e tráenos auténticas xoias da música sacra ( Oratorios e Motetes de J.S.Bach ) , instrumental ( in memoriam Ingmar Bergman), xunto con exotismos sufíes do Azerbaixán , ou derviches de Damasco...

Devezo por atoparme o luns 18 de abril, na igrexa de Santo Agostiño, as 20,30 h. (chegarei unha hora antes : é de balde e moita xente quedará fora ! ).

Vos pensade : Poder gozar deses concertos na pedra milenaria de Santiago ( Santa Clara , Ánimas, San Francisco, San Martiño Pinario, Igrexa da Universidade...)

so está o alcance de poucos elixidos – e eu quero ser un deles - !

Dúas reflexións máis, para rematar :

 

  • Non hai problema para que os mellores - exóticos ou lonxanos- destas músicas, acudan a Santiago. Cando lles falan de Compostela , aceptan encantados !.

 

  • Moi acertada a distribución horaria na ubicación de conventos e igrexas. Evitouse trasnoitar nos edificios relixiosos con comunidade activa.

(Así, qué marabilloso pode ser o concerto sufí na igrexa da Universidade -laica- as once e media da noite , do vernes 22 ! )

......

saúdos contemplativos !

Antón da Sobreira.

28/03/2011 21:51 Antón da Sobreira Enlace permanente. sin tema No hay comentarios. Comentar.

Enguedellar-V ( Abruñeiro )

 

Eche boa verdade iso de que o bosque non che deixa ver as árbores. !

( ou era ao revés ? )

O caso é que a min pásame, decote.

Xa volo contei nalgunha ocasión : excitado e impaciente por ollar e extasiarme diante dalgunhas xoias impoñentes ( ginkgos, sobreiras, faias , cerquiños...) ía raudo e nen miraba para outras especies, abondosas, pero moito máis discretas no seu porte.

Por eses azares misteriosos, que nos conectan co descoñecido - pero valioso para o noso espírito -, descubrin o abruñeiro ( prunus spinosa ) cando, hai uns meses , Marilar Aleixandre , plantou un exemplar, na homenaxe que lle fixeron en Santiago.

Vaia, pensei, qué grande Marilar ! .

E chegou o inverno.

E, sen rematar febreiro, diversas árbores empezaron o ciclo marabilloso da floración anual.

Eu tiña asumida , por rutinaria, a presenza dos pexegueiros, das ameixeiras, das cerdeiras..sen nunca pararme a ollar o seu vistoso despertar floral.

Ata este ano que , fose onde fose, brilaban-rechamantes – milleiros de flores brancas en contraste con outras tantas rosáceas, aviñadas, en diferentes árbores, de porte similar.

No Campus, na rúa de Pastoriza, ou polo Ensanche...de súpeto, en calquera beirarrúa, ou praza, ou xardín, chamaba – estourando nunha sinfonía floral - a primavera.

E claro, lembrei as cerdeiras da miña aldea, os pexegueiros da nosa casa familiar, as ameixeiras da infancia...

E foi cando acudín ós libros, novamente.

(Xa vos dixen : canto precisemos para o noso espirito, estará nos libros )

Neles, nesa letra pequena tan valiosa -agora doume conta-, atopei as semellanzas e diferenzas destas arboriñas que florean tan cedo, que se parecen tanto, que cada ano nunca fallan na súa aparición estacional...

Así que, antes de que se vaian definitivamente -ata o vindeiro ano -, deixo escrita a miña admiración, fascinación e devoción por estas especies , tan cercanas e habituais que non apreciamos a súa importancia, fermosura e valía.

Abruñeiro. ( Prunus spinosa )

Cerdeira dos xardíns . ( Prunus pissardii )

Cerdeira do Xapón . (Prunus serrulata )

Cerdeira común . ( Prunus avium )

Guindeira. ( Prunus cerasus )

Pexegueiro. ( Prunus pérsica )

Ameixeira . ( Prunus doméstica )

Amendoeira. ( Prunus dulcis )

........

 Deixo para outra ocasión , o comentario sobre algúns parentes destas especies, que comparten con elas beleza, cercanía e fartura ( marmeleiros, nespereiras ...).

Agora vou mercar un par de litros de anís : Neles, antes do solsticio de verán , poñerei a amolecer 200 gramos de níxaros – dos abruñeiros que agora florecen en Freixeiro-

Poida que, polo outono, haxa un “patxarán” caseiro coma o que se fai en Navarra...!

Xa vos contarei.

Antón da Sobreira.

 

29/03/2011 22:58 Antón da Sobreira Enlace permanente. sin tema No hay comentarios. Comentar.

Blog creado con Blogia.
Blogia apoya: Fundación Josep Carreras

Contrato Coloriuris